Unha ferramenta

Vicente de Lema

MALPICA DE BERGANTIÑOS

08 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando competía vin a moitas nenas e nenos non acadar os obxectivos, ás veces non por falta de calidades senón por falta de valores, como o esforzo, o compromiso, a humildade... Creo que o deporte é unha das mellores ferramentas para traballar estas carencias, ademais de formarte como persoa. É por iso que o meu labor diario me apaixona case tanto coma o fútbol. Actualmente traballo como técnico deportivo no Concello de Malpica e dedícome, principalmente, ás escolas deportivas dos máis pequenos. Tamén, a coidar da calidade de vida dos maiores, dos que nunca paras de aprender. É unha tarefa moi gratificante: axiña ves resultados e eles son moi agradecidos.

Dos meus alumnos só teño boas palabras. Síntome moi orgullosa de cada un dos que pasou polas miñas mans, e sempre intento seguirlles a pista. Aínda que, claro, levando alí xa 15 anos, son moitísimos rapaces e rapazas e as horas do día non me chegan. É habitual verme as fins de semana por calquera campo da redonda vendo a algúns exalumnos e faime feliz seguir gozando do fútbol e ver como algúns deles loitan por eses soños de nenos. A verdade é que tiven sorte e pouco me quedou pendente. Quizais, poder xogar un mundial, que daquela non existían, ou unha tempada no estranxeiro... Son as cousas que me dá mágoa non ter feito. ¡E iso si! Ter xogado máis veces no meu pobo para que me vise a miña xente.

A pesar diso síntome moi querida, porque cada vez que hai unha actividade relacionada co deporte sempre se me fai un guiño. Aínda que polo meu carácter gústame pasar desapercibida, síntome afortunada e gústame colaborar. Non me sinto pioneira por ser protagonista, sinto que me tocou vivir o que me gustaba facer nun momento máis complicado que o actual, pero facíao porque era o que me facía feliz. É cuestión de achegar as cousas á xente e darlle normalidade. Falta moito por facer, pero se algún/algunha das que antes o vían mal e ao mellor insultaban, agora aplauden ás nenas que xogan. Significa que algún paso xa demos entre todos. E iso alégrame.