Apuntes Históricos | Un combate aéreo nas Illas Sisargas

Xurxo Alfeirán

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Xustamente hoxe se cumpren 75 anos daqueles sucesos do 20 de agosto do 1942. Esta é a historia

22 sep 2021 . Actualizado a las 19:01 h.

O 20 de agosto de 1942, nunha acción de espionaxe británico, o avión inglés Avro Lancaster MK1 R-5543 parte as once da mañá de St. Eval (Cornwal), coa finalidade de afundir ao mercante alemán Wesserland, procedente de Corcubión e cargado de wolframio galego con rumbo a Alemaña; e noutra de contraespionaxe das forzas nazis, dous avións cazas Junker R-88 saen do aeródromo lucense de As Rozas (no concello de Castro de Rei) para interceptar e derrubar ao avión inglés á altura das Illas Sisargas.

Este acto bélico ocorría no noso territorio debido á participación encuberta da España de Franco en favor da Alemaña Hitleriana durante a Segunda Guerra Mundial. O Goberno español facilitou clandestinamente apoio loxístico ao nazismo, permitíndolle construír o aeródromo das Rozas e as Torres de Arneiro nesa escondida aldea lucense, coa finalidade de que os alemáns controlasen o tráfico marítimo do Atlántico e canalizasen información reservada de alto nivel. Asemade doutras moitas axudas, permitiu a explotación das minas galegas de wolframio, mineral estratéxico para o armamento bélico nazi. Esa falsa neutralidade española foi a carta de pago dos servizos prestados con anterioridade por Hitler a Franco na súa Guerra Civil.

O ruído dos motores e das metralletas alertaron a poboación. Centos de persoas miraban ao ceo desde as súas casas. As balas cuspían a auga salgada da superficie do mar e, nas lanchas, os mariñeiros facían o imposible por escapar dos tiros. A morea de rapaces, interromperon a nica e o fútbol praia expectantes ante as cabriolas aéreas.

Corpos calcinados

Nestas, o avión inglés é ferido de morte en dous dos seus catro motores, na cola e na fuselaxe. Sen posibilidade de manobra, foi perdendo altura adentrándose no corazón da terra bergantiñá, deixando un regueiro de fume. A pericia do piloto Watson orienta o aparato cara un mesto piñeiral para amortiguar o golpe da caída. Ao tocaren as rodas as copas das árbores, o avión desequilibra a horizontalidade e, nun choque violento, clava o morro no chan. No impacto, un potente estrondo é oído a moitos quilómetros. Dúas das catro bombas acababan de explosionar.

O accidente activou un enorme incendio, calcinando a vexetación, o aparato e a seis corpos dos sete soldados tripulantes, espallados uns polo chan e outros pendurados das árbores. Só un, o sarxento australiano Watson, sobreviviu unhas horas máis á explosión.

O caza inglés tamén alcanzara o depósito de gasolina dun dos avións alemáns. Este foi perdendo altura e finalmente caeu varias millas mar adentro, en Suevos (Arteixo). O outro perdeuse en dirección ao interior de Galicia.

Na procura do rastro do avión sinistrado

Chiniño e Rauliño deixaron os xogos de praia e, pola estela do fume do avión sinistrado, seguiron curiosos o seu rastro pensando que a caída sería no entorno de Malpica. Tomaron a estrada de Carballo e, en Cerqueda, o fume parecía proceder de Buño. Na aldea oleira, a xente corría cara Xornes coa mesma intención dos nenos. Agora si, ao lonxe, unha fumarea enorme subía ao ceo. Desde as hortas, os labregos sinalaban co polgar o lugar do sinistro. Baixaron Sergude e, xa no Anllóns, a brigada da Garda Civil de Buño tiña acordoada a zona impedindo o paso á multitude curiosa. No piñeiral de Matos de Antelo, lugar de Vilaverde, parroquia de Cereo (Coristanco), un incendio chamuscaba a cola visible do avión sinistrado. Chiniño e Raúl tornaron con fame e dor de pés porque as súas zapatillas de esparto estaban rachadas da longa camiñada. De volta a Malpica, foron apropiándose de froita allea que atopaban madurando nas árbores, mentres o sol caía sobre Beo.

Aquela tarde, no campo de Xartén estaban o cura de Malpica, don Santiago, e varios canteiros coas obras da pretendida nova ermida de Santo Hadrián. Todos se esconderon entre os valos para evitar ser alcanzados polas balas que asubiaban ao seu carón. Para os obreiros, o suceso foi considerado como un aviso do malestar do santo ante o cambio de lugar da ermida.

Ao día seguinte, as autoridades e o cónsul inglés na Coruña inspeccionaron o lugar do sinistro para identificar e soterrar os corpos dos sete tripulantes.

A estrada de Buño a Pontedona estaba en mal estado e máis aló da ponte era camiño de carro, que dificultaba a circulación de vehículos a motor, polo que o Cónsul solicitou do cura de Xornes, don Tomás, que aceptase soterrar os corpos no cemiterio da súa parroquia, concedendo unha cantidade de diñeiro en concepto de gastos funerarios e anticipando outra para misas das almas dos defuntos durante varios anos. O sancristán enterrador foi José María Trigo Romay, de Froxán de Abaixo. Na acta de defunción parroquial faise constar estas circunstancias e os nome dos falecidos: os ingleses J. H. Harrad (de 20 anos), R. H. Linton e H. Allen (os dous de 22 anos), os canadenses T. L. Wilson (de 22 anos) e J. E. Madson (de 20 anos), o australiano V. J. Watson (de 29 anos) e o neozelandés T. L. Boland (de 26 anos).

É tradicional enterrar na parroquia onde se morre á xente foránea. Correspondería, pois, a Cereo acoller aos accidentados, pero as circunstancias adversas alegadas pola autoridade inglesa fixeron cambiar, neste caso, o costume. Nembargantes, circula entre a xente a faladpría de que o cura de Cereo rexeitou soterralos na súa parroquia baixo pretexto de non seren cristiáns. E, ofertado posteriormente ao cura da veciña Valenza, tamén este os rexeitou. Rematada a guerra, foron trasladados ao British Cementery de Lujua (Bilbao).