Lolita

Héctor Pose TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

17 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Levo apenas uns días en Malpica e non escoito outro falar. De feito, veciños conscientes coma miña tía Lolita non perden ocasión de me verbalizar tal sentir e instarme a que escriba algo ao respecto. Refírense á dramática situación da Confraría de Pescadores e os desesperados intentos por tapar a súa sangría económica.

Un síntoma de ferida de morte, avisador, zurro que rexorde para salpicar a toda a vila. Esa institución local rixe os designios dos confrades, pero visibiliza a desnortada deriva dun sector vital para a supervivencia de toda unha comunidade. Cando hai máis de tres décadas Malpica votou en masa si á entrada de España na CEE, empezaron os malestares para o sector da baixura. A globalización trae estas cousas e as políticas que se implementan ao seu abeiro, amplifícanas.

Por enriba, Malpica avalou sucesivamente ao partido que as aplicou sen tremerlle o pulso. Mais pensamos uns cantos coma miña tía que a problemática que ameaza gravemente o futuro da localidade débese tamén a outras razóns. O lobby-pinza dos comercializadores do peixe nos anos 80 e 90; os excesos de moitos armadores agora xubilados e algúns dos seus descendentes; a nula relación entre Concello, Confraría e outros axentes locais; o indiferenza cómplice dos de terra…

Preocupados polos alarmantes indicadores socioeconómicos que caracterizan á Malpica actual e a galgante merma poboacional, a maioría cren que a postura dos patróns de carrexar mariñeiría e capturas cara ao porto da Coruña a diario, agrava o problema. Prevalece o interese individual fronte ao colectivo. Polas noites, o peirao semella un solar baleiro con todos os servizos en activo para… pescadores de cana. Desapareceron os boteros para ser substituídos por patróns-choferes indo e vindo pola autovía. Hoxe caben tantas posibilidades dun accidente de tráfico do rol dunha embarcación do cerco que de naufragar. Ambos casos, ninguén os desexa.

Somos mar

Malpica ten unha relación atávica co Atlántico. Aquí todo fala de pesca, de mariñeiros, de pescantinas, de barcos. Desde hai séculos, os pescos temos a alma mareira. Plasmárono moi ben Lugrís, Xelucho Abella ou o malogrado Paco Souto. E non se pode lañar a vila á metade, todo está interrelacionado, para ben e para mal. Na festa, na desgraza, no labor e nas dificultades. Lolita escribiu unhas letras emocionadas e varias razóns para pregar de todos os implicados que se senten a falar. Mais non foi quen de publicalas. Non entraba o seu borrador en reflexións de maior calado que expliquen o porqué de tanto desleixo polo devir da súa vila. Esas que sinalan a falta de maiores niveis de educación patrimonial, de cohesión social, de sensibilidade polo ben común, a sostenibilidade dos recursos, a aposta polo diálogo construtivo, estratéxico e que repense a Malpica do século XXI.

Cómpre vogar todos a unha cara ao futuro que garantice que aquí segue habendo posibilidades de vida dignas tras identificar os problemas e consensuar as solucións. Un asunto estrutural e complexo como este esixe vontade, colaboración e altura de miras nos dirixentes locais. E todos os demais detrás, acincando. O mellor para Malpica virá dun exercicio de corresponsabilidade por parte dos escasos que a habitan. Pero convén espabilar.

Talvez en breve asfaltarán o que queda de porto para andar ou aparcar os que están de paso. E que me desculpe miña benquerida tía por usurparlle a boa intención, mais o que non se pode dicir, hai que escribilo.