Una desgraza en Malpica, o naufraxio da buceta «Ombú», hai agora 64 anos

Jaime Ricardo Suárez Villar

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Non encontraron a ningún dos catro mariñeiros

17 abr 2017 . Actualizado a las 14:32 h.

A buceta Ombú -lancha de vela- saíu pola mañá cedo con vento do suroeste (na nosa costa dá abrigo e pódese traballar), con catro mariñeiros a bordo: un pai, dous fillos, e un cuñado. Sobre as dez da mañá coincidiron coa buceta Jesús collendo cangrexo en Pedra Pingona, Muíños da Ribeira, para a pesca do badexo. Díxolle ao patrón, Manuel Alfeirán Chouciño, que ían para o Illote apañar miñoca para pescar peixe para fritir. Despois de aí, foron para a Beira do Alto, que queda un pouquiño polo nordeste dos baixos de Baldaio, os baixos de fóra, para a pesca do badexo a casea. O patrón da buceta Jesús xa lles dixera que para eles facía moito vento do suroeste, e fondeou no Rodo, por fóra da praia das Torradas. Nada máis botar tres liñas ao fondo xa viñeron tres badexos.

O fillo do patrón da buceta Jesús, que ía con el, José Alfeirán Verdes, viunos vir da Beira do Alto, proa a Punta de Razo, buscando abrigo. Seu pai díxolle que non os perdera de vista, e mentres tanto ía achicando a buceta que xa caía algún salsieiro. O vento viña con máis forza e, de repente, José xa non os viu. A seu tío, Ramón Verdes Mato, o outro mariñeiro da buceta Jesús, pareceulle que fondearan nos Petóns. Pasou a lancha Gasolinera de Vigilancia, a motor, e non se lle ocorreu avisarlle porque non sabían nada de que xa naufragara. Viñeron xa para terra a dar o aviso, sen mirar para os badexos que traían. Ao momento saíron outros barcos máis grandes, a motor, para ver se podían salvar os náufragos. Pero non encontraron a ningún dos catro.

Por fóra da Beira do Alto estaba a motora Emilia levantando nasas da langosta, e viron a lancha dende lonxe, coa vella arriada, pero non sabían que volteara. A Emilia fora unha lancha de dúas rodas e reformárona para poñerlle un motor de oito cabalos. Era bastante grande, case como a Jaime 1º, que era a motora máis grande na explanada da grúa. Víronos dende a Punta de Razo, Atalaia de Malpica, e dende a terraza do bar Cachón. Víronse impotentes por non poder facer nada por axudalos. Un carreteiro de Razo veu declarar ao día seguinte que un dos náufragos pelexara moito por salvarse. Ese mesmo día, a buceta Ombú xa estaba variada en Rios, cerca do cabo Prior. Veu xente de alí avisar aos de aquí, e deixárona quedar, ninguén a foi buscar.

Outra desgraza grande para o pobo de Malpica: era martes, 7 de abril de 1953, hai 64 anos.

Que foi da familia

Coincide coa mesma data dos billetes de 100 pesetas de Julio Romero de Torres, dos que miña nai me dixo que gardara un para acordarme sempre da desgraza dos Seixarros. Seixarro, José Tasende Rojo, era o patrón do Ombú: home de mar, moi acreditado, xa que antes da desgraza fora patrón do Aquí estoy, da Virocha, da Peituda, e ultimamente, era o patrón do Jaime 2º, moi querido pola armadora Carmen de Balbina. Era como un máis da casa. Cando morreu tiña 51 anos e estaba casado con Manuela Verdes Bermúdez, de 49 anos. Tiveran seis fillos: José, Manuel, Antón, Carmen, Luís e Luciano. O apodo víñalle de súa nai, Manuela da Seixarra, porque viñeron do lugar de Seixas para Malpica.

José era o fillo máis vello, tiña 28 anos e ía con el na lancha: estaba casado con Arsilia Arcay Amigo, irmán de Dulcina do bar O Burato, quedando viúva con só 23 anos. Deixou unha filla de cinco, Carmen, máis conocida por A Gilsa. Arsilia volveu casar máis tarde con Eugenio Pazos e tivo dous fillos máis, Eugenio e Siluca: morreu no último parto, con 32 anos, o 27 de novembro de 1962.

Manolo era o seguinte fillo de Seixarro, e tamén ía na lancha con el. De 23 anos, estaba solteiro. Daqueles seis irmáns, hoxe en día só queda Carmen, de 81 anos, e o fillo máis novo, Luciano, de 71. O cuñado de Seixarro era Luciano Verdes Bermúdez, irmá da muller, e tío de José e de Manolo: tiña 27 anos cando morreu. Luciano casara por «poderes» uns días antes da traxedia con Carmen da Mariana, Carmen Alfeirán Verdes, irmán xemelga de Teresa da Mariana, quen, por certo, fixo de noiva, representando a Carmen, para casarse con Luciano, porque Carmen xa marchara para Uruguay o 27 de marzo do 1952 no trasatlántico Yapeýú. Descoñecía que estaba embarazada. Mentres, Luciano estaba a gañar uns cartiños no Ombú, e xa tiña os papeis listos para poder marchar para aló no mes de maio, para reunirse con el. Tivo, pois, un fillo que non chegou a coñecer, Juan Carlos Verdes Alfeirán -apelídase igual que a súa prima Teresa, do bar Dársena-: naceu o 11 de novembro do 1952 e morreu aló o 8 de outubro do 2007, aos 55 anos. Tiña cinco meses cando morreu seu pai. Súa nai, Carmen da Mariana, quedou viúva con 25 anos e nunca volveu casar. Retornou a Malpica enferma na primavera do 1988 e morreu aquí o 12 de setembro do mesmo ano, aos 59.

No sitio de Luciano marchou para Montevideo no trasatlántico Juan de Garay o seu cuñado máis novo, José Alfeirán Verdes, Pepe de Polainas, para criar a seu sobriño.

Os corpos nunca apareceron.

Escribo esta historia, triste e seria, porque estas cousas contábanse oralmente e non están recollidas en ningún texto nin libro. As persoas que viviron este acontecemento xa non viven, e as que aínda viven, non se acordan moi ben de como foron os feitos: o tempo borra o pasado. Cayo Tito, senador romano, xa dicía hai 2.000 anos: Verba volant escripta manent, As palabras voan e o escrito permanece. Normalmente, todos temos os nosos antepasados no cemiterio coas súas lápidas e nome, pero os descendentes destas familias non teñen a quen poñerlle unha flor nin unha vela. Ademais, no pobo de Malpica non está recollida esta historia nin hai ningunha homenaxe a estes falecidos. Quero darlle as grazas a todas esas persoas que me contaron o sucedido, polo seu recordo, xa que eu era un neno dun ano cando pasou esta desgraza.