Malpica, un lugar que non é de paso

MAR VARELA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

«Garda cachiños de historia no seu vocabulario, un galego con denominación de orixe»

18 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín nun lugar que é o final dun camiño. Para chegar só hai unha estrada que é entrada e saída e que, nun momento dado, convértese nunha rúa onde os peóns teñen preferencia sobre os coches.

Con seis anos, para unha malpicá iso é o normal.

Con doce dáste conta de que precisas ter unhas pernas como as de Purito Rodríguez porque para calquera desprazamento normal, como ir á praia de Beo ou coller pichorros nas leiras de Seaia, tes que subir unha costa de un quilómetro.

Con dezaoito decátaste de que eses primeiros amores non poden dicir «pasaba por aquí, e déuseme por chamarte». Porque non, meu rei. Non pasabas por aquí. Para vir aquí tes que vir a propósito.

E por fin, dous anos despois, con vinte, descubrín que atalora era unha palabra patrimonio malpicán, e que esta non era a única.

Centos de acentos

Acababa de chegar a Salamanca, a cidade que guiaría os meus pasos universitarios. Na facultade de Comunicación había máis galegos e estremeños que locais. E aí aprendín a recoñecer os centos de acentos que temos os galegos cando falamos castelán e como imos mesturando expresións propias da nosa terra co castelán.

Cando comezou a chegar o frío, un día comentei: «Atalora me comía un buen cocido de grelos». Unha galega contestoume: «¿A qué hora?». «No mujer, que con este frío no hay nada que me apetezca más que un cocido», contesteille, entendendo por primeira vez que as tres zonas lingüísticas do galego que nos aprenderon na escola teñen moitos matices.

Os que teñen o costume de unificarnos creo que visitaron poucos pobos coma Arou, Corme ou Malpica, lugares que non son de paso e que gardan cachiños de historia no seu vocabulario, un galego con denominación de orixe.

Normas propias

Por iso, se chegas a Malpica, a única maneira de evitar a pregunta «ti non es da volta, non?»  é acabar calquera frase con un «che» ou un «you» (se eres da miña xeración) e seguir, como mínimo, as seguintes normas:

1. Esquécete dos quilogramos. As unidades de medida van dende «unha mincha» (moi pouco) ata «un lote» (moito). E, sen dúbida, se queres dicir o número máximo de algo debes utilizar «trouxo o tope», aínda que non esteas falando dun barco que acaba de pescar o máximo diario permitido.

2. As festas, en Malpica, son campales ou matariales, palabras que se utilizan para todo, pero sempre en grao superlativo.

-¿Cómo estaban os percebes? -Matariales (moi ricos).

Tamén da seguinte forma:

-Este pantalón quédame campal (moi grande).

3. As cousas pídense con xeito. Non vale con querer ir ó cine e dicir: «Mamá, dáme 20 euros». Así quedas na casa. A expresión correcta sería: «Arría a xarda». E acto seguido debes estirar a man coa palma ben aberta e poñer o mellor dos teus sorrisos.

4. Ten olliño coa cantidade de colorete ou rimmel que pos, porque nada máis poñer un pé na rúa alguén dirache: «Levas máis patente que o Mayi», que é a versión costeira de «vas máis pintada ca unha porta».

5. E falando de poñerse de punta en branco, en Malpica diríanche «¡Como campas, miña nena! Ese vestido estache nacendo», é dicir, que por moito que sexa de Zara, parece feito á medida para ti.

6. Cando che entre a fame debes dicir eslangreo. Trátase dunha palabra moi completa que mestura a impaciencia coas ganas de meter na boca algo que che consola. Consolar, por certo, é que che sabe moi ben e que se pode complementar coa expresión «Sábeme ó ghas», tanto para a comida como para a bebida.

E aínda seguindo todos estes pasos, non te librarás da pregunta: «E logho ti de quen es?». Lembra, só hai unha estrada, e serve de entrada e de saída, non tes escapatoria posible. Bueno si, só unha. Contestar: «Atalora tomáballe uns viños. ¿Imos?».

DNI. Mar Varela Chouciño. Mar Varela naceu en Malpica no 1982. É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pontificia de Salamanca, e en Publicidade e Relacións Públicas, pola Universitat Oberta de Catalunya, con máster en Comunicación Corporativa e Dirección de Márketing. Despois de pasar hai uns anos polos micrófonos de Radio Voz en Carballo, mudouse ao outro lado da comunicación. E, dende hai tres, traballa no departamento de Comunicación de BBVA España. Ultimamente estivo en Galicia grazas a proxectos como o Tour da NBA en España ou a xira española de BBVA e El Celler de Can Roca. Sempre que pode, volve á súa terra natal, unha vila que, como ela di, non é de paso. Hai que ir. Nacida en Malpica, ten tamén un gran vencello con Carballo, xa que as súas raíces paternas están en Artes.