Tempo de celebración para as letras da Costa da Morte

La Voz

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

A literatura erótica, o Día das Librerías e o aniversario de «Queixumes dos pinos» reclaman o protagonismo

08 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As letras reclaman estes días o protagonismo da axenda cultural da Costa da Morte con iniciativas diversas.

De Malpica a Carballo

Xa o sábado, e cea mediante, Buño e Malpica reavivaban o seu idilio cos versos máis subidos de ton coa entrega do premio de poesía erótica Illas Sisargas, que nesta ocasión foi parar a mans de Xabier Queipo. Naquel acto estivo Paco Souto, como secretario da asociación cultural Caldeirón, que hoxe visitará por similar motivo a biblioteca carballesa Rego da Balsa.

Souto participará neste caso nun faladoiro sobre literatura erótica (ás 19.30 horas) xunto a Verónica Martínez, gañadora precisamente do certame malpicán no 2014 con Ode á Madison Ivy e outras coisas de meter e que aproveitará a convocatoria para presentar este libro na capital bergantiñá.

Día das Librarías

Este venres celebrarase a sexta edición do Día das Librarías, unha convocatoria da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros e da Federación de Libreiros de Galicia. Con ela queren reivindicar a importancia deses establecementos como lugares de xestión cultural e a figura dos libreiros como mediadores con capacidade de reivindicación.

As librarías asociadas e todas aquelas que queiran sumarse á conmemoración ampliarán o seu horario habitual de apertura ata as 22 horas e aplicarán descontos do 5 % durante toda a xornada. Ademais, nalgúns casos haberá actividades culturais adicionais.

«Queixumes dos Pinos»

Un día despois, o sábado 12, chegará o momento de homenaxear a Eduardo Pondal celebrando a efeméride da publicación de Queixumes dos pinos cunha reedición da obra.

Se hai 130 anos fora o fundador de La Voz de Galicia, Juan Fernández Latorre, xunto con Andrés Martínez de Salazar o responsable daquela edición a través da súa Biblioteca Gallega, agora será o propio xornal o que a porá ao alcance dos lectores a través dun coidado facsímile que será entregado por só 1,95 euros.

A Fundación Eduardo Pondal e Gadis colaboran tamén nesta iniciativa que permite devolver á actualidade unha selección de 21 poemas do Bardo bergantiñán, autor tamén dos versos que pasados os anos acabarían por se converter na letra do Himno de Galicia.

Aniversarios en Santiago

A efeméride de Queixumes dos pinos non pasou tampouco desapercibida para os responsables da Biblioteca Ánxel Casal, de Compostela. Neste caso celebrarana cunha mostra de publicacións de Pondal que se poden visitar no seu segundo andar xunto con outra exposición coa que tamén conmemora un 130 aniversario: o do nacemento de o historiador e escritor Florentino López Cuevillas.