Cerqueda: terra de pazos con capela

A parroquia malpicá atesoura destacados elementos arquitectónicos e escultóricos, en bo estado ou en ruínas


En 1791, a parroquia de Cerqueda tiña 87 veciños, é dicir, 612 «almas de precepto». A casa reitoral, pechada por moi deteriorada -como hoxe, ruína-, obrigaba ao párroco a vivir en alugueiro. Paradoxicamente, algúns dos veciños máis potentados gozaban de pazo con capela. En xullo deste mesmo ano, a parroquia é obxecto dunha visita pastoral. Coa axuda de documentación inédita dos arquivos eclesiásticos e grazas á paciente colaboración dos donos actuais, imos rescatar do esquecemento os modestos templos domésticos, de natureza laica, proba da relixiosidade cotiá das xentes de Seaia. Nunha freguesía xenerosa en casas señoriais, a casuística é variada: algunhas capelas mantéñense en pé, incluso algunha viva no día do patrón; outras son ruína; algunha xa nin é. Todas elas forman parte do patrimonio de Cerqueda.

Loroxo e Filgueira

Sen dúbida, a xoia da coroa de Cerqueda é o pazo de Loroxo, coa súa capela consagrada a san Ramón. Polos datos recollidos, sabemos que sempre estivo en bo estado e coas obrigacións ao día. En 1791, era o seu patrón Francisco Romero, da familia de Gregorio Romero, construtor da casa en 1712 como reza a inscrición da fachada. O visitador atópaa «decente»: así tamén hoxe, impecable, e viva porque aínda se misa nela o día do santo, grazas á xenerosa hospitalidade dos seus propietarios, Basilio Varela e Visitación Calvo, que a conservan cunha limpeza e bo gusto admirables.

En 1868 a casa segue en mans dos Romero, pois era su «patrono don Francisco Antonio Romero y don Benito Romero su causante». Tiña de renda 26 ferrados de trigo, «con obligación de su capellán, que actualmente lo es don Francisco Álvarez Lozano de San Cristóbal de Cerqueda, de celebrar todos los domingos del año en dicha Capilla, tiene cumplido hasta la fecha».

Se cadra tamén desta familia era o oratorio propio («decente», visitador dixit) que tería na súa vivenda un tal Bernardo Antonio Romero, «presbítero con licencia absoluta del Excelentísimo Señor Arzobispo». Como o próximo de Loroxo, o pazo de Filgueira ou casa do Vinculeiro, tamén presenta planta en forma de L e ten anexa a capela, con retablo de madeira sen pintar.

A propietaria actual tampouco recorda a advocación, pero as fontes confirman que estaba dedicada a santo Antonio, imaxe aínda conservada, xunto con San Roque. En 1791 era propiedade de Domingo do Mato, e o visitador alerta de que «necesita obras»; en 1868, sendo xa de María Dolores Varela y Romero, a autoridade eclesiástica di que «no tiene rentas ni bienes, así como ninguna carga afecta a la misma».

Taraio

Coñecido sobradamente este lugar polo seu pazo -tamén chamado de Brandeiro- e castro, conserva esta casa señorial, que tamén tivo planta en forma de L, unha capela exenta que hoxe pasa desapercibida polo seu abandono, pero que aínda é recuperable.

Foi erixida na aba do recinto castrexo contiguo á casa, co cal non habería que descartar a intención cristianizadora dun espazo pagán, como tantas veces ocorreu en Galicia. Conta coa inscrición fundacional na fachada e cunha fermosa pía para a auga bendita. Estaba dedicada a Santo Outel, insisten os propietarios José e Eduardo Castro no tocante á súa advocación, pero isto non concorda coa documentación, sempre moito máis fiable: en 1791, baixo o padroado de Josef Posse, o templo honraba a san Caetano. E xa entón o implacable visitador anticipaba o que hoxe vemos: «vieja y carcomido su altar», de aí que consigne dous mandatos: «blanquear, que se entierre una imagen indecente y arruinada que se halla al lado del Evangelio».

Arredor de 1865 era poseedor dos bens desta fundación Francisco Cotelo, e o templo non tiña capelán, pero si unha carga de catro misas rezadas anuais. Os interesantes avatares desta capela merecen máis espazo noutra ocasión.

Arixón

Moito menos sorte correu a capela do pazo de Arixón: nada queda. A nai da propietaria, Maruja Caamaño, tenlle oído falar dela aos vellos da casa, e ao recinto pechado no que se levantou, en fronte da fachada do pazo, accédese por un labrado portal de boa cantería. Conta a amable Maruja que apareceron restos de tella, unha pedra que parecía de altar e outra ben traballada, de excelentes molduras barrocas, que se dicía era o sagrario, pero que debe de ser o fornelo para depositar unha imaxe, quen sabe se o da fachada onde iría o santo titular. ¿Cal era? Nunca oíu nada ao respecto. O visitador nolo confirma: Nosa Señora do Carme, así era en 1791 e tamén en 1868, na que aínda a capela estaba en pé. Insta ao seu dono, Bernardo Rodríguez Arijón, a que faga obras nela; por certo que fala por si mesma a coincidencia de apelido e topónimo: Arixón. Tamén se apunta que «no tiene rentas ni bien es, así como ninguna carga afecta a la misma».

O Pazo

Moi preto de Arixón atópase o lugar de O Pazo, cuxo topónimo é elocuente: unha casa tamén de planta en L, en bastante mal estado e deshabitada. As fontes documentais nada din ao respecto: non consta capela algunha. Se cadra habería un simple oratorio privado dentro do edificio, quizais o do precitado Bernardo Romero. Mais a gran sorpresa desta casa fidalga pasou desapercibida a toda a bibliografía sobre pazos, incluído Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, de Carlos Martínez Barbeito, obra de referencia para este tema pola súa densidade documental. Compensa este pazo non ter capela con outro elemento singular, que non loce á vista: nunha das pezas do peitoril do patín labráronse os símbolos heráldicos da familia propietaria, pero son invisibles na fachada.

Alén da curiosa ubicación dun brasón sen ánimo de fachenda, discreto, o máis orixinal é a súa traza: dúas pías xemelgas, case do mesmo tamaño. ¿Por que dúas?

Quizais porque son dúas as partes que se xunguen en todo matrimonio, xermolo de novas ramas da liñaxe.

Unha pía é máis pequena, quen sabe se en alusión á muller fronte ao home, ou se cadra o feito revela certa incapacidade no artesán que a labrou.

Coa súa redondez poderían evocar os seos femininos, as ubres do gando (tetos incluídos), a fertilidade? que é vida. ¿Cal era, en fin, a función destes enigmáticos receptáculos? Cremos que a clave está na auga bendita, que interesa ter sempre preto: antes de entrar na casa, tras saír dela. Relixiosidade e avoengo: valores que estas familias desexan eternos e xunguidos, o líquido-Deus protector a carón dos sólidos-apelidos pétreos, todo simbolicamente esculpido na dureza do granito do país. Pedra dura destinada a durar. Velaí segue.

Liñaxes

Tanto na peza das pías como noutra do peitoril deseñáronse molduras ornamentais de feitura barroca, pero o máis relevante son os símbolos heráldicos. Non sempre é doado identificalos, ás veces pola impericia do canteiro, que executa como pode as imaxes encargadas. No cuartel 1 superior (á esquerda do espectador), temos un apelido paterno: semella un brazo que suxeita un piñeiro arrincado, coas raíces á vista, emblema dos Rodríguez de Arixón e os Romero; no cuartel 2 (á dereita do que mira), un materno: a cabeza de lobo dos Moscoso; baixo ela, no cuartel 4, outro paterno: unha man empuña enérxica o que parece unha espada, tamén relacionada cos Arixón e os Romero. Dá a sensación de que falta o emblema do cuartel 3, de feito o baleiro sen labrar é evidente no ángulo inferior esquerdo.

Todos estes elementos repítense, en maior ou menor medida, nos pazos próximos malpicáns anteditos de Loroxo e Taraio, e tamén no de Vigo, este último na parroquia de Santiso de Vilanova; pero tamén na cabanesa de San Pedro de Nantón. Documentan en pedra as conexións familiares dalgunhas das máis nobres liñaxes da Costa da Morte.

O íntimo fronte á fachenda

Fronte aos fachendosos escudos ou ás sólidas chemineas, signos externos de poderío, nas íntimas capelas ou nas discretas pías sacras destes pazos maniféstase a piedade relixiosa do home bergantiñán, temeroso de Deus e sempre coa vista no alén. Ninguén se salva, tampouco os podentes porque, como dicía o poeta latino Horacio, «a pálida morte golpea con pé igualitario nas choupanas dos pobres e nos pazos dos ricos».

«Nas íntimas capelas ou nas discretas pías maniféstase a piedade relixiosa»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Cerqueda: terra de pazos con capela