Buño: onde os homes son de barro

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

Os libros parroquiais dan cadra da gran cantidade de veciños dedicados á artesanía e labores indirectos da mesma

10 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sabia combinación de austeridade rústica -céltica, din algúns- e encanto moderno: así é a artesanía de Buño. Como a cerámica grega antiga, une á variedade formal a gracia decorativa e cromática que impoñen os criterios estéticos comercializadores do século XXI. Tamén ornamental hoxe, antano era parte da cultura material cotiá: vasillas nas que depositar o sustento -cando o había- naqueles tempos míseros. A exaltación que dela se fai (especialmente, na Mostra da Olería, pero tamén noutras citas) parece indicio de que goza de boa saúde, mais ante a súa variada presenza física (olas, potas, pucheiros, cazos, fontes, xerras, cuncas, platos?) nunca debemos esquecer que constitúen a herdanza máis singular dos homes e das mulleres desa outra Malpica menos nomeada, a interior, alén do mar. Tomamos prestado o noso título da fermosa cantiga que recolle Xan Fernández: «Non quero homes de Buño/ que os hai na miña terra./ Os de Buño son de barro:/ de barro fainos calquera». Pois ben, deles imos falar aquí: de homes e mulleres de carne e óso, e non dos seus cacharros, que xa falan por si mesmos.

Antes de entrarmos en pormenores e curiosidades, fagamos unha pequena cala nas fontes históricas que dará idea da relevancia da produción oleira. Entre 1837 e 1849, o reitor de Santo Estevo de Buño asenta 34 enlaces no Libro de Casados e, por sorte, informa do oficio dos fregueses. Pois ben, en 18 partidas hai representantes do oficio da olería, sexan os contraentes ou os pais destes. Os datos proporcionan unha porcentaxe aproximada do 52% de persoas dedicadas á industria artesá do barro, cifra que seguramente sería maior se temos en conta que nalgunhas partidas esquece apuntar o oficio.

Fabricación

Dado que non se especifica a tarefa como tal, temos que entender que a extracción da materia prima, especialmente no Couto dos Barreiros, correspondía tamén aos que os párrocos cualificaban como «olleros» ou «alfareros». En 1719, «Ignacio Piñeiro, ollero, no recibió ningún sacramento por haberse muerto de repente arrancando barro para dichas ollas». Foi no verán, época na que os «mineiros» arrancaban á terra a prezada arxila.

Que algunha microtoponimia de Buño está ligada á olería é máis que evidente nos nomes mesmos, como Couto dos Barreiros ou Forno Novo, onde se atopa o Ecomuseo Forno do Forte. No XIX vai obter protagonismo tamén o Barrio dos Mouróns, e os libros parroquiais confirman o motivo: aquí viviu e traballou unha das máis sonadas familias de oleiros. Ata dúas ducias de «olleros» menciona o párroco xa a principios do XVIII, e non podían faltar os Mouróns: Joseph, Balthasar e Domingo, entre outros. Aínda hoxe podemos ver o Forno dos Mouróns, no barrio homónimo. Tamén traballan xa os Añón, Armán, Gorín, Pereira, Piñeiro? Desafortunadamente, desde 1723 o párroco deixa de darnos a valiosa información do oficio no seu Libro de Muertos del año de 1702. Haberá que esperar a 1842, coa chegada do novo párroco, Francisco Antonio Lozano, para comprobar de novo, documentalmente, a moi significativa abundancia de «olleros» e «alfareros».

Non faltan en Buño, por suposto, xornaleiros e labradores, sastre e costureira, zapateiro e criado de servizo, panadeira e canteiro, incluso algún soldado de paso e, como non, os «pobres de solemnidad» ou, como apunta o crego, «ostiatim» (os que pedían polas portas, do latín ostia, que significa porta). Pero a presenza destes oficios e condicións é significativamente inferior. No Libro de Casados observamos dous feitos incontestables e naturais: a transmisión do oficio de pais a fillos e certa endogamia entre os oleiros. A título de exemplo: un tal Salvador Conde do barrio da Pedreira, «alfarero», fillo doutro Salvador Conde «del mismo oficio», contrae matrimonio coa filla doutro oleiro do barrio da Costa. E non podían faltar os Mouróns: María Mourón e Amarelle casa con Bernardo Varela o Mozo, e Ramón Mourón e Amarelle con Bernarda Mourón e Sánchez. Anos máis tarde, xa na segunda década do XIX, a propósito doutra voda entre as familias Mourón e Amarelle, sinala o sacerdote que son «de oficio olleros todos».

Comercialización

Escribiu frei Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia (1745), que a Santo Estevo de Buño «veñen buscar as olas os da Moureira de Pontevedra, chegando cos barcos até a Ponte Ceso, que é da ría de Cándoas», e de aí topónimo pontecesán Xuncal das Olas na beira do Anllóns, por ser o lugar onde se cargaban para a súa distribución comercial. Así mesmo, o célebre Diccionario de Pascual Madoz, de 1845, di de Buño que só produce «algunos cereales, patatas, frutas y legumbres; cría poco ganado», xa que «su principal industria consiste en alfarerías, cuyo producto se consume dentro y fuera de aquel país».

Tamén queda rexistro dos que espallaban o nome de Buño pola Galicia occidental vendendo a súa produción polas feiras do país: na temperá data de 1706 morreu a muller dun tal Domingo, «carretón de ollas», que morre anos máis tarde co mesmo oficio. Xa na documentación do XIX aparece a miúdo un dos oficios vinculados ao traballo do barro: os «traficantes de loza del país», e dun falecido dise que «compraba y vendía alguna loza del país»; e doutro, que era «arriero de ollas».

Mención especial merece un comerciante de quincalla oriundo de San Juan de Tejedo, obispado de Astorga, ¿quizais un maragato? Casou coa filla de Manuel Fariña Varela, «escribano de número de la extinguida Jurisdicción de Mens», á que pertencía Buño en tempos pasados. Gregorio Romero, marido de Manuela Losada, «comerciante ó traficante de géneros de San Juan de Tejedo», morreu en 1843 «estando de transeúnte» por Buño. Dous anos despois, o párroco levanta acta da defunción dun «párvulo», fillo de José e Luisa Fariña Varela, ela oriunda de A Coruña e el tamén de San Juan de Tejedo, de oficio «quinquilleros». É doado supoñer que nas súas mercadorías había vasillas buñesas.

Barrios

Grazas á minuciosidade do párroco na consignación dos barrios dos seus fregueses nacidos, casados ou falecidos, podemos ademais constatar que Buño era todo el un alfar, pois os oleiros espallábanse por toda a localidade: Costa, Cruceiro, Horno Nuevo, Pedreira, Rueiro, Santa Catalina e Mourones, aínda que non poucas veces ao crego sáelle o galego que leva dentro e escribe Mouróns. Nunha ocasión sinala a Casa do Rego. E xa hacia finais do XIX comezan a documentarse La Lage, Plaza, Canelas ou Santa Filomena, lugar no que aínda vemos hoxe o Forno da Lucha.

Sería inxusto, por certo, non mencionar a actividade oleira tamén no contiguo Leiloio, e incluso en Mens. En fin? Está por facer a xenealoxía das familias que puxeron a Buño no mapa de Galicia: traballo arduo, de longo alento e saudable parsimonia. Aí queda a proposta. Sería a máis fermosa homenaxe aos creadores dunha artesanía que, partindo da milenaria cultura castrexa, segue vizosa e renovada porque soubo adaptarse aos tempos.

As pezas de barro exportábanse polo porto de Ponteceso, onde está o Xuncal das Olas