Un concerto que está «feito a medida» para Malpica

A artista Mercedes Peón lembra a súa vinculación con Bergantiños. Actúa hoxe


Carballo / La Voz

Se Xabier Díaz ten un vencello forte coa comarca, o de Mercedes Peón non queda atrás. «Teño unha vinculación moi grande con Bergantiños», dicía ela onte ao preguntárselle polo seu concerto na vila malpicá (23.00, no porto): conta que está «feito a medida» para Malpica. É sabido que nesta bisbarra achou unha música «que a min me impactou tanto», unha beleza da que bebeu e que hoxe ela transmite, sendo unha das artistas máis recoñecidas. Polo seu compromiso coa lingua e a cultura galegas foi premiada no 2013 como Boa e Xenerosa por parte da Fundación Eduardo Pondal. Horas antes de recibir o galardón afirmaba: «Non te sentes merecente. Unha fai o seu traballo e as súas accións sociais, porque cre que é o que debe facer, pero eu son só unha pequerrecha».

Tocadoras de Raigañas

Foi na Costa da Morte onde tomou conciencia dunha singularidade, conciencia dunha moi rica creación colectiva. Lembrou esa sonoridade tan presente en pezas como Aiché. «Todo o mundo bebe dunhas fontes, pero logo parece que se esquecen», dicía onte. É por iso mesmo que ela quixo nomear, unha a unha, ás mulleres tocadoras de Raigañas de Cerqueda que lle brindaron e brindan tan grandísima colaboración, algo que quedará reflectido nesta noite de música: Mar Suárez, María Moscoso, Jeni Felpete, Hadriana Felpete, Icía Varela, Begoña Gómez, Andrea Suárez, Cristina Vilar, Sofía Vila e Mariña Vieira. As raíces van entrando no mundo compositivo de Mercedes Peón, que profesa «un agarimo brutal» a esta terra, da que di sentirse «adoptiva». Ela dálles unha visión contemporánea, do agora e do aquí. O concerto en Malpica estará articulado en torno a unha banda base, integrada, ademais de por Mercedes Peón, por Ana García, Mónica de Nut e Manuel Alonso, que entrará a metade de actuación. Peón contou onte que encara este concerto na vila mariñeira «con pudor, con moito pudor, algo que -dixo- é cuestión da miña personalidade».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un concerto que está «feito a medida» para Malpica