«O importante do Nordestazo é reencontrarnos con Malpica»

Á. Palmou

MALPICA DE BERGANTIÑOS

MARTINA MISER

Os Diplomáticos de Montealto estréanse o sábado no festival, pero non nunha vila coa que gardan unha estreita relación

27 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Xurxo Souto e os Diplomáticos de Montealto remóntase aos anos 90 e os concertos da Tralla, pero non tiveran ocasión de tocar aínda no Nordestazo. Este sábado arranxarano sumándose a un cartel do que tamén forman parte Marky Ramone e Heredeiros da Crus.

-¿Como é que aínda non actuaran Nordestazo?

-Nós sempre estamos dispostos a ir a Malpica, pero o certo que cando empezou o Nordestazo nós non estabamos tocando. Temos unha relación moi intensa con Malpica porque como dixen xa outro día alí o rock and roll é música tradicional. Hai 20 anos tiven a sorte de coñecer a todos aqueles fenómenos da asociación Tralla, que fixeran un evento único con moi poucos medios e que prenderon o lume do rock. Cando foron aqueles concertos foramos as Sisargas no Charlie e uns anos despois chamounos a filla do Charlie dicindo que quería facer un festival: o Nordestazo.

-¿Como vai ser a actuación do sábado?

-Faremos o de sempre: buscar a comunicación total co público e tocar os nosos pequenos clásicos cunha mención constante a Malpica, a asociación Tralla e tamén a Xaime Cabanas, un gran pintor coruñés que desgraciadamente nos deixou hai tres anos e que tamén tiña ese mesmo vencello. Reivindicaremos tamén este modelo de festival no que están os mellores grupos (non o digo por nós, senón polo resto), os mellores medios, a mellor organización... e ademais hai estímulos e actividades paralelas durante todo o día.

-¿Para os Diplomáticos tamén haberá tempo para iso ou hai que centrarse na actuación?

-Para min o importante do Nordestazo é Malpica e reencontrarnos con lugares tan importantes para nós e con toda esa xente.

-¿Que queda vivo do espírito co que comezaron?

-Queda moito. Nós tiñamos fame de música e poucos medios, pero atopámonos cun colectivo de xente moi creativa. Cando falo da Tralla non me refiro só aos que organizan os concertos, senón tamén a locais míticos como A Roda ou O Leño e grupos históricos como Trebider. Foi o primeiro paso desta espiral á que se foron sumando máis grupos. Os Resentidos xa racharan con aquilo de que o galego non era para o rock e despois a xeración Bravú converteuna nesa lingua de distorsión e de creatividade