«Gusto moito do galego, sempre me fascinou escribir e falar neste idioma»

Á. p.

MALPICA DE BERGANTIÑOS

INÉS VARELA

A poeta cacereña afincada en Malpica presentará este sábado «Poemas a flor de pel»

26 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Muñoz Fernández (Cáceres, 1969) volve a dar renda solta á súa vea poética nas páxinas dun novo libro, Poemas a flor de pel, unha obra bilingüe en galego e portugués. O centro cívico de Malpica, localidade na que a autora se instalou hai xa uns cantos anos, acollerá o sábado (19.30 horas) a segunda posta de longo do libro, tras o acto celebrado en decembro en Viana do Castelo. A obra leva á súa portada unha imaxe do fotógrafo luso Pereira Lopes, con quen Carmen Muñoz xa traballara no libro 20 poemas en remanso e nunha exposición conxunta e que participará no acto do sábado inaugurando a súa propia mostra: Do meu Porto de vista...

-Parece que os seus versos casan ben coas imaxes de Pereira Lopes.

-Nesta ocasión simplemente lle pedín unha fotografía para a portada, pero como eu ía presentar o libro decidiu aproveitar para facer unha exposición porque gústalle moito Galicia e busca calquera escusa para vir; é un namorado desta terra... A exposición chámase Do meu Porto de vista... e recolle imaxes daquela cidade, así que non ten nada que ver cos meus poemas.

-¿Onde atopa a súa fonte de inspiración?

-Falo de distintas vertentes do amor: o amor a Galicia, o amor dunha nai, o amor á poesía e aos poetas... E tamén inclúo a fe que teño en Deus polo Camiño que fixen a Santiago. Estes poemas están escritos entre os anos 2013 e 2015 e fun reunindo aqueles cos que máis sentín a flor de pel, de aí o nome do libro.

-¿Despois de tantos anos aquí xa se considera máis malpicá que cacereña?

-Considérome metade e metade, porque teño 46 anos e levo aquí 23 así que... Gusto moito do galego, sempre me fascinou escribir e falar neste idioma e xa teño 3 fillos que son de aquí, así que eu xa estou plenamente arraigada aquí. Tamén me inflúe moito o contacto co mar. E tamén me gusta moito a ligazón de Galicia con Portugal, por iso o libro é bilingüe.

-¿Son bos ou malos tempos para a poesía?

-A min iso é algo que non me inflúe moito, porque a miña poesía é máis sobre o meu estado de ánimo, da miña alma, de momentos e experiencias máis que do que pasa no mundo.