«É complicado escribir poesía erótica sen caer en tópicos»

Á. palmou

MALPICA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

O autor coruñés gañou con «A razón do perverso» a décima edición do certame malpicán de poesía erótica

17 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O poeta Mário J. Herrero Valeiro (A Coruña, 1968) conta por premios as súas participacións en certames literarios. Ao Espiral Maior (1998) por No limiar do silêncio e o de Poesía Figurante (2014) e o Glória de Sant?Anna (2015) por Da vida inconclusa acaba de sumar con A razón do perverso o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que desde hai 10 anos convoca a asociación Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica.

-¿Que supón gañar un certame como este?

-Eu teño bastantes problemas para poder presentarme aos certames porque escrebo en reintegracionista e iso limita moitísimo as posibilidades, pero neste caso si o permitían e por iso era unha oportunidade que non podía deixar pasar. De feito o libro foi escrito expresamente para o concurso.

-¿Resulta moi complicado ter que ceñirse a un tema concreto como neste caso?

-Evidentemente, é un concurso temático e tes que escribir unha obra que nalgún sentido, no formal ou no fondo tamén, sexa erótica. No meu caso, escribín un libro que é erótico, pero que tamén é político, é unha crítica ao sistema literario galego. O libro pode lerse como unha obra de temática erótica, amatoria e nalgúns casos ate pornográfica, pero por outro lado ten unha segunda ou terceira lectura que fala de cousas diferentes. Quixen falar de determinadas dinámicas que existen no sistema literario e cultural galego que exclúe a determinadas persoas non só por cuestións de ortografía, senón tamén ideolóxicas. Iso é algo que subxace na obra e tamén hai lecturas persoais sobre relacións e comportamentos de persoas dese sistema, pero desde as marxes, porque eu sempre estiven nas marxes e supoño que continuarei aí.

-¿É a primeira vez que o erotismo agroma na súa obra?

-Non, por exemplo no libro anterior, Da vida inconclusa, xa había unha segunda parte na que había bastante erotismo, e naquel caso, ademais, sen ningunha segunda lectura. Eran poemas amatorios, das relacións coas mulleres ao longo da miña vida, e probablemente foi o que permitiu dar un paso e escribir despois este novo libro.

-¿Dado o éxito, ten pensado seguir por esa vía?

-Non, penso que por agora xa a teño esgotada. Eu escribo poesía por arrebatos, por momentos. O que teño na cabeza, e do que xa teño escrito algo, é complementar dese libro, pero vai por outros ámbitos. É moi complicado escribir poesía erótica sen caer en tópicos, sen repetir figuras e formas.

-¿Que supón escribir para vostede?

-Eu antes escribía por necesidade emocional, pero este último libro non, este foi para divertirme, para gozar da escrita, non para pasalo mal. Antes, o que escribía era como unha medicina, unha falsa medicina para tentar curar determinadas doenzas persoais, pero neste caso foi puro e duro divertimento.

-¿Non o tentan outros xéneros?

-Para min, e aínda o falaba hai pouco con Teresa Moure, a xente que escrebe prosa son auténticos heroes ou heroínas porque a min resúltame absolutamente imposible escribir algo con coherencia en prosa creativa. Xa me custa bastante escribir poesía e pensar noutro tipo de variedades de escrita non entra dentro das miñas capacidades nin da miña perspectiva vital.

-Contou o día do fallo do premio Illas Sisargas que tivo que cortar a obra porque non lera ben as bases.

-Si, non lera as bases de anos anteriores nas que xa aparecía o límite máximo dos 600 versos e cando saíron as deste ano, que o fixeron bastante tarde, ao tiven que reducir o libro practicamente á metade. Optei por deixar a parte máis lírica e cortar a máis prosaica. Pérdese, aínda que o libro compréndese igual no seu conxunto, e supoño que nalgún momento tentarei facer saír esa outra parte.

-¿Cal é esa ?razón do perverso? da que fala o título?

-O título compleméntase co dese outro libro que teño na cabeza, que se chamará A fe do converso. É unha referencia constante a que nunha das partes da nosa vida sempre está o combate entre a fe e a razón, e fala sobre a perversión da razón neste mundo, e como se pretende agochar baixo o manto da razón cuestións que son de pura fe normalmente. Tamén fago outras lecturas, falo de perverso no sentido de Leopoldo María Panero: a literatura como perversión doutros textos, da mentira da orixinalidade.

-O libro aínda tardará un ano en ser publicado. ¿Faráselle moi longa a espera?

-Para min os libros son como pequenos fetiches. É algo que me pasa desde o principio: emociónaste moito cando gañas un premio e pensas que será publicado, pero cando xa tes o obxecto perde ese valor fetichista que tiña previamente.

-¿Cando non está escribindo poesía a que se dedica?

-Eu pásome todo o día escribindo porque son tradutor e o que fago todo o día é traducir textos do portugués ao español ou do español ao portugués: de moi diferentes tipos, desde instrucións para un exprimidor ata certificados de nacemento, porque son tradutor xurado, así que polo tanto ao final do día, a maioría das veces, non tes moitas ganas de continuar con ese traballiño de coller un bolígrafo e porte a contar cousas.