O Padroado das Misións Pedágoxicas na vila de Malpica

Xurxo Alfeirán Chouciño

MALPICA DE BERGANTIÑOS

20 de outubro de 1933. Colección L. Hernández Iglesias. Representación do Teatro de títeres na praza principal de Malpica, fronte á casa de Ramón da Perilla, «Casa da Santa» coa «Rampla de don Anselmo Villar Amigo», á dereita, varadeiro de embarcacións de vela e remo mariñeiras. Están identificados varios veciños, entre eles, Consuelo Graña, «Consuelo do Cura» (abaixo esquerda), e Antonio Otero Castiñeiras (neno do medio).
20 de outubro de 1933. Colección L. Hernández Iglesias. Representación do Teatro de títeres na praza principal de Malpica, fronte á casa de Ramón da Perilla, «Casa da Santa» coa «Rampla de don Anselmo Villar Amigo», á dereita, varadeiro de embarcacións de vela e remo mariñeiras. Están identificados varios veciños, entre eles, Consuelo Graña, «Consuelo do Cura» (abaixo esquerda), e Antonio Otero Castiñeiras (neno do medio).

Á localidade bergantiñá chegaron na terceira semana de outubro do 1933

05 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Malpica está a celebrar estes días con diversos actos e unha exposición de fotos no centro cívico, recordatorio daqueles pretéritos días, a efeméride da chegada á vila do Padroado das Misións Pedagóxicas en outubro de 1933. Este Padroado foi creado por un decreto do Goberno da Segunda República o 29 de maio de 1931. O seu principal obxectivo era levar cultura aos pobos e aldeas máis afastados de España, necesitados dese alimento para fornecer o pensamento crítico e o enraizamento entre a poboación dunha democracia verdadeira.

Dirixidos polo rioxano Manuel Bartolomé Cossío, máis de 600 homes e mulleres integraron aquela Misión -intelectuais, pintores, escritores, mestres, estudantes, veciños?- en moitos casos de forma altruísta, participando segundo podían e facendo aquilo que mellor sabían coa dual idea de achegar a cultura ao medio rural e, á vez, descubrir a riqueza que ese medio gardaba, nunha actitude de labor ilusionante.

Entre as actividades do Padroado podemos citar: o fomento da cultura xeral con Servizo de Bibliotecas (só en Galicia montaron 405); Museo do Pobo (explicaban copias de cadros de pintores españois famosos); Servizo de Cine (películas mudas, do xénero cómico: Charlot, debuxos animados e documentais); teatro (pezas breves e entremeses do teatro clásico español); Coro do Pobo (con cancións tradicionais); Servizo de Música (con audicións comentadas); o Retablo de Fantoches (era un teatro guiñol). Non faltou tampouco A orientación pedagóxica das escolas, dirixida fundamentalmente cara a reciclase e dignificación da figura do mestre de escola, e mesmo a educación cidadá das poboacións rurais (informando aos veciños sobre principios políticos de democracia, sufraxio universal, estrutura do Estado, etcétera).

Pero estas actividades só durarían cinco anos. A rebelión militar de 1936 remataría con esta experiencia educativa innovadora, provocando o inicio da Guerra Civil Española e a caída da II República.

Misións pedagóxicas en Malpica

En agosto de 1933, comezou a Misión Pedagóxica de Galicia, dirixida polo escritor pontevedrés Rafael Dieste. Percorreu con especial atención os pobos da Costa da Morte pola singularidade de seren lugares afastados e con deficiente comunicación. A Malpica chegaron na terceira semana de outubro de 1933. Entre os misioneiros colaboradores estaban o escritor galego Rafael Dieste; o pintor Ramón Gaya; Antonio Sánchez Barbudo, como auxiliar; o estudante Arturo Serrano Plaja; o profesor da Escola Plurilingüe, Sr. Otero Espasandín; o deseñador Sr. Fernández Maza e o escritor Antonio Ramos Varela

Na localidade de Malpica, os misioneiros desenvolveron fundamentalmente tres actividades:

1. O Museo do Pobo. Este servizo incluía explicacións de copias de cadros do Museo del Prado e da Academia de Bellas Artes de San Fernando como Auto de fe, de Berruguete; Retrato do príncipe don Carlos, de Sánchez Coello; Resurrección e Retrato dun cabaleiro, de El Greco; Soño de Xacob, de Rivera; As fiandeiras, Retrato da infanta Margarida e Don Antonio, o Inglés, de Velázquez; A visión de san Pedro Nolasco, de Zurbarán; O neno Deus pastor, de Murillo; Os fusilamentos do 2 de maio, La maja vestida, O Pelele e varias reproduccións dos grabados máis famosos de Goya.

2. Charlas e conferencias. Xiraron fundamentalmente sobre información social, política, economía, instrución democrática e sobre temas de importancia daquel momento. As charlas eran dadas contra a noite, unha vez rematadas as faenas de pesca e as actividades domésticas. A metodoloxía empregada consistía en comezar por motivar aos asistentes facendo referencias históricas sobre o tema a tratar (ben para explicar un cadro, un tema de actualidade ou asuntos de interese nacional e local). Estas actividades adoitaban rematar con lecturas interesantes e recitando os misioneiros romances e poesías para os asistentes.

O galpón da Cerca da casa do Vizconde San Alberto foi o espazo habilitado para as Charlas e para a exposición dos lenzos, complementados estes de cortinas colgantes e macetas con ramos de flores que daban a estancia un reclamo especial decorativo para focalizar o interese da xente de cara a arte pictórica.

3. O Retablo de Fantoches. Era un teatro de títeres no que representaban pequenos sainetes e cómicas farsas. Malpica tivo o honor de ser o primeiro pobo a nivel nacional onde realizaron esta actividade, na rúa principal, fronte a Casa da Santa, acollida por certo con moita curiosidade polos veciños, como se observa na foto testemuña do momento.