«Moitas cousas desvelámolas pola memoria colectiva»

É a directora da actuación que se leva a cabo na Croa do Castro de Cerqueda


A riqueza da Croa do Castro, en Cerqueda (Malpica), vai agromando, logo de levar máis de dous mil anos agochada. A súa limpeza converteuse nun proxecto social, veciñal e identitario, con páxina web (www.croadocastrodecerqueda.net) e redes sociais propias. O 28 de marzo houbo unha intensa xornada de limpeza na que o voluntariado puxo moito da súa parte ?sen faltar a parte lúdica? e mañá haberá outra na que se completarán traballos emprendidos. Ao fronte da actuación, obra dun equipo moi ben definido, está a  arqueóloga María Fiodora López Patiño (Ferrol, 1983). Onte falou en Radio Voz Bergantiños. 

-A xente está a colaborar moi directamente en todo o que se fai. 

-Os veciños e as asociacións foron o motor impulsor deste proxecto, pero ademais colaboraron alí todos os días, estando con nós non só nas xornadas de voluntariado, senón tamén o resto dos días, achegándose para ver como ían os traballos, implicándose totalmente.  

-O traballo gordo de limpeza está case feito, polo que parece.

-Case rematado, só quedaría limpar un pouquiño o parapeto sur e a zona da entrada do castro, así como recoller a broza e madeira que ficaron alí. Agora, os traballos irán máis cara a documentación: imos facer un levantamento topográfico e a xente colaborará con nós en todo iso.

-Así poderase ver de preto como é o traballo dun arqueólogo, esas partes máis técnicas. 

-Si, e nós encantados de estar neste proxecto de vontade social e de participación en todos os sentidos. Non hai só afeccionados, senón arqueólogos que nos dan información, veciños que nos contan historias... Realmente moitas cousas desvelámolas por eles, pola súa memoria colectiva, do sitio, do lugar... A parte das lendas sempre vinculados aos castros e mámoas, tamén nos serviron de moito cuestións que nos contaron dos camiños, ou como se modificou ao longo do tempo o castro, como ían alí coas vacas, que cambiaron... No primeiro momento non tiñamos moita información, pero a medida que se foi abrindo e limpando puidemos ver e contrastar cousas que pensabamos que eran dun xeito, pero resulta que non. A entrada, por exemplo: criamos que estaba pola parte norte, pero o acceso orixinal estaba pola parte sur.

-Máis de vinte anos sen limpar... ¡Como estaría aquilo e canto traballo vos levaría!

-Si, aínda que o que se limpou a man foron as zonas máis delicadas, as do parapeto e as entradas. No interior da croa o que fixemos foi limpar co tractor, porque era imposible meterse por alí. Había toxos de máis de dous metros. Limpar é o primeiro paso, ver as afeccións que ten o xacemento, as estruturas e a morfoloxía, porque realmente o castro non era visible. Nunca fora intervido, así que non tiñamos información e agora pouquiño a pouco.... Isto é o primeiro paso. Despois xa se verá, oxalá sigan os traballos.

-¿Que peculiaridades ten? ¿Que nos conta A Croa do Castro?

-Está situada nun val agrario e seguramente estaría fortemente vinculado coa agricultura. A xente daquel tempo viviría diso, basicamente. Está nun pequeno outeiro e eles aproveitarían esta morfoloxía para erixir un único parapeto bastante espectacular, nalgunha zona ten entre catro e cinco metros, pero noutras incluso ata oito, para así fortificar o poboado. Está a 138 metros a nivel do mar e ten unha extensión dunha hectárea, máis ou menos. Non podemos aportar unha cronoloxía certeira agora mesmo, porque nunca se fixo unha intervención, pero si podemos relacionalo máis cos asentamentos da segunda Idade de Ferro, que se vinculan máis ás paisaxes agrarias. Temos que esperar a escavalo para afondar.

-¿Canto está previsto que rematen os traballos, polo menos desta primeira fase do proxecto?

-Mañá sería o último día de limpeza de vexetación, pero logo viría unha segunda fase, a de tala dos eucaliptos e árbores que hai por alí. Iso será máis tarde, porque o Concello ten que xestionalo.

-Os voluntarios tamén poderán ver mañá como se fai a planimetría. ¿Que vén sendo?

-O que faremos é coller os puntos de contornear, para ver as formas, algo que nós dá un plano tridimensional do castro. Veremos tamén [isto en vindeiros días] se é viable o gradiómetro neses terreos: pásese polo chan e ten uns impulsos magnéticos que dan uns resultados e que os expertos len como posibles estruturas debaixo da terra. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags

«Moitas cousas desvelámolas pola memoria colectiva»