«É triste que teña que ser unha entidade privada a que máis aporta para investigación»

Manuel Rial / Á. Palmou

MALPICA DE BERGANTIÑOS

JOSE MANUEL CASAL

A solidariedade é o motor da cea baile benéfica que se celebrará mañá no restaurante Aldeola, en Cerqueda

13 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A xunta local de Malpica da asociación contra o cancro celebrará mañá unha nova edición da súa cea benéfica. O restaurante Aldeola, de Cerqueda, foi o espazo elixido para unha velada de aire festivo, pero espírito solidario e aberta aínda á incorporación de novos comensais, tal como explicou o martes nos micrófonos de Radio Voz Bergantiños Carmen Teresa Blanco, a presidenta da entidade. Trinta euros, dos que unha parte importante irán destinados a investigación, é o prezo das invitacións para a velada, que será amenizada pola orquestra Philadelphia.

-¿Como marchan os preparativos?

-Estamos rematándoos porque xa queda moi pouco, así que o que non comprou a entrada aínda, que a vaia comprando xa porque estará a orquestra Philadelphia e iso tamén arrastra moito, sobre todo xente nova que é o principal porque queremos que se involucren tamén na asociación.

-¿Cal é o labor da entidade?

-Trátase de algo moi importante porque, por exemplo, o ano pasado atendeu a máis de 400.000 persoas afectadas de cáncer en toda España, e máis de 500.000 participaron en programas de prevención. Consolidámonos como a entidade social privada que máis fondos destina a investigación. Nos últimos anos foron 28 millóns de euros en 151 proxectos de máxima calidade e logrouse elevar o índice de supervivencia e mellorar a calidade de vida de moitos pacientes con tratamentos máis certeiros e menos agresivos. Isto conséguese co esforzo da cidadanía porque temos máis de 200.000 persoas e a maiores hai centos de miles que euro a euro colaboran cada a día.

-¿Como está a investigación oncolóxica en España?

-Os nosos investigadores mantéñense na elite oncolóxica internacional, que é algo moi importante. Ademais, un país que non investiga é un país que se empobrece.

-¿Cal é a importancia do traballo que fan as xuntas locais?

-A importancia está no feito de que con estas ceas e co euro a euro que aporta a xente é como se chegou a case cinco e millóns e medio para investigación durante o último ano. O triste é que teña que ser unha entidade privada a que máis cartos aporte para investigación. Agradecemos a todos os voluntarios que traballan e que moitas veces conseguen recibir máis que o que dan: porque están cos pacientes a aprenden a escoitar a valorar o que é importante e levan o cariño e a gratitude que lle dan. O que lle pido é que a xente participe nas ceas, nas cuestacións e tamén na lotería que está dedicada ao cáncer porque así é como imos xuntando os cartos para a investigación.