A confraría de pescadores de Laxe ten en marcha para esta mesma semana as súas quintas Xornadas de Pesca Artesanal No mar da lonxa de Laxe. Entre as actividades, un recoñecemento a dúas mulleres, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a chef Lucía Freitas, con Estrella Michelín. A elección en feminino, din dende a organización, quere facer fincapé na importancia delas no sector pesqueiro laxense. Das mulleres.
A Villaverde agradécenlle o apoio que sempre tivo para estas xornadas, animando para que saísen adiante daquela aínda como subdirectora de mercados, e logo como directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Freitas, pola súa banda, xa ten incidido no cariño e aprecio que lle ten á rula laxense e ao seu produto. A súa primeira visita foi ben anterior ao recoñecemento Michelin, e este é agora un grande altofalante para unha pequena lonxa. Máis alá dos merecementos individuais, é de agradecer ese pensamento nelas, nas mulleres, por parte da confraría.
Coma en tantos outros eidos, o seu labor fica en silencio en moitas ocasións ou, dito doutro xeito, en segundo plano. Mais non. Nunha recente visita por Caión, a guía da expedición tamén se amosaba clara: «Eles ían ao mar, elas facían o resto». A venda do peixe, a casa, a horta... Non é cuestión de ver quen gaña, quen fai máis, senón de xustiza, e de xustiza é preguntarse canto lle debe este mundo ás mulleres.
Non é preciso chegar a esa tesitura que cose a escritora Nerea Pallares no seu libro Punto da araña, coas mulleres camariñás de palillos parados e, con eles, o mudno tamén. Iso vai ser difícil, pero podemos comezar por preguntarnos: Que pasaría se un día se detivesen as mulleres da nosa propia vida?