A banda da Torre de Laxe, outra histórica formación da comarca

suso de basilio

LAXE

ARCHIVO DE SUSO DE BASILIO

EN CLAVE DE SOLPOR | Dúas familias sen lazos de sangue deixaron unha lección de respecto mutuo

17 abr 2021 . Actualizado a las 17:08 h.

Francisco Vidal Pose 1933-1961 e Gabriel Lema Vecino

A banda da Torre de Laxe foi unha continuidade da banda de Froxán, como adiantamos no seu capítulo. Entre Froxán e Balarés, coñeceron as sete notas musicais os irmáns Vidal Pose coa familia de Eliseo Lema Alvarellos. Nados na parroquia de Sarces-Laxe, Francisco e Víctor eran fillos do Tío Xan da Torre, así coñecido e a quen lle casara para Balarés a filla Asunción. Esta muller quedou viúva ao pouco de casar e embarazada de meses. Ante esta situación, seu pai Xan, xuntamente cos fillos, viuse na necesidade de botar man nos labores da labranza, pasando neste mineiro val longas tempadas. Asemade, viñan con eles os seus sobriños José e Manuel, que curiosamente se apelidaban igual.

Fora na súa primeira etapa en Balarés, cando tiveron coñecemento de que no lugar de Froxán había un xerme musical, sen pensalo dúas veces, pillaran monte arriba da Facha e aló se presentan na casa da familia Lema, coñecida como a do Picoto por ser a máis alta do lugar. Danse a coñecer e róganlles que os ensinen, sobre todo naquel tempo sen luz, nin estrada e totalmente illados naquel frondoso verxel, moi fermoso e sigue sendo, pero sen ter algún aliciente por mor de ver co tempo algo de mundo porque o illamento érao total.

Eliseo Lema tómalles agarimo en ver tanta ilusión que, nos intres de lecer, comeza con eles o ensino musical e xa instrumento ao canto, os rapaces querían saír daquela gaiola de ouro como é o val de Balarés, pero como se adoita dicir, aínda que a gaiola sexa de ouro, non deixa de ser unha gaiola. Como falaramos no concernente á banda de Froxán no anterior artigo, entre ambas familias forxárase unha amizade que perduraría de por vida, tanta que ao pouco eran xa os do Picoto quen camiñan deica Balarés a ensaiar ao son das ondas da fermosa praia. Dalgún xeito, os Lemas tamén sentían o mesmo encerro no seu lugar.

E por entronques, quedáballes a medio camiño aos músicos do Couto, os cales xa estaban integrados na banda de Froxán. E así foi como esta manda cal herdanza musical, pasou da familia Lema a Francisco Vidal, que por outra parte abandonan Balarés unha vez que a súa filla Asunción se vale por si mesma.

Nace no 1933 a banda da Torre de Laxe da parroquia de Sarces, onde Francisco conta de feito con toda a súa familia e por suposto cos de Froxán, os fillos de Eliseo, Jesús e Gabriel, e o tío destes, Serafín de Cotelo, aínda que este pronto cesou para integrarse na empresa de seu pai: Transportes Cotelo de Corme. Ou sexa e coma quen di, a mesma banda de Froxán, agás que agora na outra beira da Ría de Corme e Laxe e relativamente mellor situada xeograficamente, co cal consigue Francisco ter unha boa formación por mellores comunicacións.

Os rostros da imaxe número 1 (imaxe superior)

Na primeira fila e de esquerda a dereita: Gabriel de Neaño, caixa; o Tomeo de Tallo, clarinete; José Vidal Pose, O Pequeno, clarinete; Alejandro, fillo de Francisco, co soprano; J. María Cotelo, fliscorno, do Couto, e Angelito Puñal, de Gondomil, co bombo. Segunda fila: Manuel de Traba, clarinete; Jesús, O Gabirro de Tallo, co saxo; Eduardo Imia Souto de Neaño, co saxo; Francisco Vidal Pose, o director; Jesús Cotelo Ambrois, pai dos da Venus, co fliscorno; Serafin Vidal Pose, trombón, e Cesáreo de Carolina de Tella, co bombardino. Terceira: Félix de Canto de Froxán, clarinete; Manuel Vidal Pose, bombardino; Antón Vidal, bombardino; Eliseo Vidal Pose, co baixo, e Víctor Vidal, pai, co baixo.

Pero no 1949 nun accidente de bicicleta naquelas estradas de morrillo xeixudo, Francisco ten unha caída e queda resentido dun xeonllo, sen azos de recuperación. O seu fillo Alejandro era un púbere naquel momento, co cal Francisco, aínda que el seguiría na banda, entrégalle por vontade propia a batuta a Gabriel Lema Vecino, o maior dos fillos de Eliseo dos Picotos de Froxán. Velaí a boa amizade entre estas familias.