«Non teño ningunha poesía que non sentira no momento de facela»

inés abelenda

LAXE

CEDIDA

ENTREVISTA | A nova obra de Xosé Vázquez Labandeira recolle os poemas nos que o autor plasma a súa vida, inquedanzas e sentimentos

23 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Vázquez Labandeira é natural de Matío, aldea da parroquia laxense de Nande. No 2018 lanzou un libro de investigación chamado Toponimia do Concello de Laxe, no que recompila os topónimos do municipio. Un ano despois saca Pensamientos, o seu primeiro poemario, e na primavera do 2020 sae Sentimentos, a súa segunda obra de poesía.

-Cando comezou o seu interese pola poesía?

-Eu estaba en bacharelato e a primeira poesía que escribín foi con 14 anos, primeiro en castelán e, aos 15, fixen os primeiros poemas en galego. Pero como a miña lingua principal é o galego, a pesar de que nese momento estaba prohibido falalo, sentíame con ganas de expresar o que sentía na miña lingua. Empecei facendo unhas poesías para min, sen pensar que anos despois se publicarían. Ao longo da miña vida fun tornando entre o galego e o castelán. Dende hai uns anos estou un pouco parado, non me atrevo a facer cousas, creo que non sería capaz de conseguir facer o que levo feito. Para min era un entretemento e fun facendo ata que as recompilei todas, hai uns poucos anos, e se publicaron.

-Os poemas xorden de maneira espontánea ou hai unha preparación previa?

-É algo que se me ocorre no momento e non trato de elaborar moito. Algunhas como as que teñen rima si que poden levar un pouco máis de traballo. Pero incluso cando remato non rectifico as palabras. É algo que sae de min, sen ser ficticio, é o que sinto nese momento, sen importar a calidade.

-Cando decidiu publicar os seus poemas?

-Non sei o momento exacto, pero coa insistencia dalgúns coñecidos, decidín falar con varias editoriais. Ao principio falaban de publicar todas as poesías, en galego e castelán, pero ao final publicouse unha parte delas e en castelán, que se recollen en Pensamientos.

-En «Sentimentos» hai un cambio con respecto ao seu anterior poemario?

-A verdade é que non cambia, só que neste están en galego. Penso que hai unha evolución dende as primeiras poesías, cando era máis novo, ata as de cando era máis adulto. Houbo épocas nas que non escribín nada e logo volvía. Hai poesías de todo tipo, dedicadas ao campo, outras de tipo amoroso, de tipo social.

-Sería capaz de escoller un só poema dos que escribiu?

-É imposible, porque considero que son coma fillos meus e quéroos a todos de distinto modo. Algúns, porque conseguín elaborar o verso con rima e costa máis facelos, uns polos momentos nos que foron escritos e outros pola vivencia que reflexo e que me recordan esa situación que vivín. Todas elas son vivencias. Non teño ningunha poesía que non sentira no momento de facela. Eu non son capaz de facer poemas por encargo.

-A Costa da Morte serve de inspiración para os seus poemas?

-Case todos están baseados na zona. A maior parte dos de mar están enfocados en Laxe porque é unha zona de mariñeiros e con porto de mar. Hai un poema que está dedicado á cascada do Ézaro. Falo dos lugares que forman parte da miña vida.

-Hai algún lugar no que lle guste sentarse a escribir porque axuda coa inspiración?

-Os dous poemarios están feitos en diferentes sitios. En Santiago de Compostela, foi onde estudei e onde empecei a escribir. Tamén hai poesías feitas en Carballo, porque vivín alí un ano, outras realizadas en Suíza e algunhas en Barcelona. Hai poemas feitos en diferentes destinos. Ao final de Sentimentos hai cinco poemas en francés pero o curioso é que eses non os fixen en Suíza, onde se fala ese idioma.