María Xosé Bravo: «Os espazos nos que aparecen as mulleres son os que elas gañaron»

Lucía Cancela / A. A A CORUÑA / LA VOZ

LAXE

María Xosé Bravo busca con «Nós somos elas» un eloxio ao mundo rural e mariñero de Galicia
María Xosé Bravo busca con «Nós somos elas» un eloxio ao mundo rural e mariñero de Galicia PAULA QUIROGA

A presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda defende o «vínculo emocional» entre a imaxe e a poesía. Aborda a exposición Nós somos elas, con fotografías do arquivo Vidal 

17 ago 2020 . Actualizado a las 19:59 h.

María Xosé Bravo é a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que organiza a exposición Nós somos elas, na explanada da Mariña coruñesa. A mostra fotográfica e poética está dispoñible ata o 30 de agosto. As instantáneas proceden do arquivo Vidal, de Laxe, e recollen a vida das habitantes do concello no seu día a día.

As festas, as familias e o traballo forman algúns dos retratos que se achegan nesta exhibición do século XX. Cada imaxe está acompañada por un poema de 24 autoras galegas. A presidenta da asociación recorda a unha delas, Luz Pozo, que faleceu o pasado 20 de abril, sen poder presenciar o estreo desta presentación.

-Como xorde a exposición?

-Eu coñecía este arquivo por Pepe Barro, que fixo un libro para a Fundación Rosalía de Castro cos seus textos feministas. Falando con el, vimos as posibilidades das fotos dos anos 20, 30, 40 e 50. Cando falas de fotografía antiga parece que te refires ao pasado, nós queríamos poñerlle un plus e traelo ao presente para facer un percorrido do futuro. Escollemos 24 como poderíamos escoller 48.

-Que chamou a vosa atención para que saísen estas 24?

-A través das imaxes poder ver como cambia a faciana das persoas. Existe máis alegría nas fotografías dos anos 20 e 30 previos á guerra, que nas dos 40.

O fotógrafo, Vidal, captura a todo Laxe, a súa vida e as súas festas. Pero o arquivo ten máis de 70.000 fotografías, e de aí podes sacar moitísimas de calidade que dan unha idea moi interesante dese mundo rural e mariñeiro.

-Por que se suman as voces poéticas ás fotografías?

-Buscabamos facer un helo entre o pasado e o futuro e a poesía escrita por mulleres galegas é o medio perfecto. Ademais, fixemos unha escolla moi diversa en canto a xeracións, hainas novísimas e hainas consagradas, o que facía unha boa maridaxe do pasado e do futuro. Dalgún xeito, o vínculo emocional entre a fotografía e a poesía axuda a entender, ao mesmo tempo que respecta o que elas queiran ensinar de si mesmas.

-Estaba prevista para marzo e tivo que pospoñerse trala crise sanitaria.

-Si. Nese momento, as 24 poetas estaban vivas. Logo morreu Luz Pozo e agora fáltanos ela. A primeira foto que figura co seu poema é unha homenaxe. Unha homenaxe alegre, vistosa e de vida como son estas mulleres, que miran para a cámara. Parece que reivindican que as vives, que te están escoitando.

-Quen son elas?

-O propio título foi algo meditado. O nós que somos galegos e galegas, amantes da literatura e da poesía e elas son as que, detrás dese pano, reivindican ser vistas. Eu creo que ata escoitan. Entre nós e elas usamos un palíndromo que é somos. Nós somos elas, e elas somos nós. Imaxe e palabra uníndose.

-A exposición ten un valor inclusivo.

-Claro. A idea de que as mulleres de todos os tempos temos algo en común é inclusiva. Sempre reivindicamos a presenza. Escollemos a mulleres que reclamasen ese elas que estaban alí e que nos axudarían a atopar a memoria e o silencio do mundo rural e mariñeiro.

-A sociedade é como é grazas a elas?

-Si, iso está clarísimo porque outras foron antes que nos e defenderon os seus dereitos. Nos hoxe somos porque elas foron. Todos eses espazos e momentos que aparecen protagonizados pola muller, son os que elas foron gañando.

-En que se diferencian o mundo rural e o mariñeiro?

-Esta exposición trata de unir ambas cousas. Non hai tanta diferenza como as veces podemos crer. Está ese rural ligado á terra, aos animais e ao traballo no campo, xunto ao mariñeiro no que se ven barcos.

-Cal é a súa fotografía favorita?

-A de Luz Pozo. Unha nai coas súas fillas na que cada unha coloca a súa man no ombreiro da anterior, formando un nó. É defensa, é espazo e é dicir «estamos aquí».

-Hai unha fotografía máis dura polo que transmite?

-Si. Existe algunha cun punto de tristeza, con moito misterio. Non son a maioría. Os poemas respectan a beleza da propia foto, o que cada un atopa nesta instantánea.

-As imaxes reflicten o pasado, os poemas o presente e o futuro?

-Os poemas, porque se escriben no presente, pero obtemos a imaxe do futuro coas palabras.

«En momentos de crise, as mulleres sempre fomos as que máis dereitos deixamos atrás»

-Que rasquizos quedan das mulleres que aparecen fotografadas?

-Algunhas das que aparecen retratadas seguen vivas, e ás veces, gustaríache saber como se ven elas nesas fotos. Nós observámolas con deleito do pasado, pero, que queda diso? Estamos contando unha historia pequena no tempo, e queremos amosar mulleres en imaxes desde outra perspectiva

-Como cambiou a muller galega?

-A sociedade evolucionou, e inevitablemente as mulleres que pertencemos a ela, tamén. O que sucede é que en ocasións sempre vemos esas transformacións como un avance, pero esquecemos que son o resultado de moita loita e reivindicación. Temos que estar en alerta de non perder ningún dereito porque senón, en calquera situación de crise, as mulleres acabamos sendo as que máis dereitos deixamos atrás a nivel laboral, salarial...

-Que nos queda por facer?

-Desde o momento no que foron tomadas as fotografías ata agora, podemos dicir que se avanzou en dereitos das mulleres. Hai moito feito, pero aínda quedan cousas nas que continuar. Os dereitos que temos nunca foron agasallados por ninguén, sempre foron pelexados polas mulleres para dicir «estou aquí, quero ser vista e decidir que vou facer». E si en calquera momento cremos que todo está conseguido, estamos equivocadas porque hai que seguir loitando cada día.

-Beneficiou dalgún xeito á exposición o cambio de data desde abril ata agosto?

-Eu preferiría que todo fose como se planificou nun primeiro momento, porque estabamos preparados para iso. Non obstante, gustaríame pensar que estamos valorando máis o noso, o máis rural e o que significou para cada un. E nesta liña, esta exposición reivindica o noso pasado e busca retomar a idea de forza das mulleres do mundo rural do século XX.