Habilitada a reserva de entradas para a estrea en Lugo de «O que arde»

LAXE

Os Codex Cinema proxectan desde o xoves 10 o filme de Óliver Laxe

09 oct 2019 . Actualizado a las 12:23 h.

Lugo acolle, como o resto de España, a estrea o xoves 10 do filme O que arde, de Óliver Laxe, da man de Numax Distribución. A película, que conquistou os grandes festivais internacionais e tamén aos veciños de Navia de Suarna no pase da semana pasada, proxectarase nos Codex Cinema (Praza Viana do Castelo), para o que xa habilitaron un sistema de reserva de entradas debido ao interese mostrado polo público.

Aínda que non é obrigatorio reservar entrada, quen queira asegurar a súa presenza nos pases pode gardar o seu sitio enviando un correo electrónico a codexcinema@gmail.com e indicar o seu nome e apelidos, número de teléfono, a sesión á que quere acudir (día e hora) e o número de entradas a reservar (máximo de dúas por persoa).

Os Codex Cinema converterán O que arde na protagonista absoluta da súa billeteira con proxección en todas as franxas horarias e acordando pases matinais para grupos escolares. Mais o día grande chegará o mércores 16, cando o cineasta Óliver Laxe visite os Codex para presentar el mesmo o filme a todos os lucenses.

Pases para ver O que arde:

· Venres 11: 18.30, 20.30 e 22.15 horas

· Sábado 12: 18.00, 19.45, 22.00 e 22.30 horas

· Domingo 13: 18.15, 20.00 e 22.00 horas

· Mércores 16 (presentación do filme a cargo de Óliver Laxe): 18.00, 20.30 e 22.00 horas

Por outra banda, os Codex Cinema tamén proxectarán o 5 de decembro outra premiada película lucense da man de Numax, Longa noite, unha reflexión sobre os conflitos nunca resoltos da ditadura franquista a través das paisaxes e dos vestixios do pasado.