Borja Facal: «Moitas veces tiña que consumir antiinflamatorios para competir»

fran rodríguez / l. r. / m. r. CARBALLO / LA VOZ

LAXE

BASILIO BELLO

O laxense abandona o terreo de xogo para centrarse como adestrador e coordinador no Bergantiños Fútbol Club

29 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Borja Facal Lema (Laxe, 1985) non formará parte do Bergantiños Fútbol Club nesta nova tempada. Cando menos, como lateral dereito e capitán, como viña facendo ata agora. Tomou a decisión de poñer punto e final á súa traxectoria como xogador para centrarse nos labores de adestrador e coordinador deportivo, que xa viña desenvolvendo nas categorías inferiores da entidade de Carballo. A súa marcha non deixa indiferente a ninguén, pois vaise un canteirán.

-Entretivo moitos anos nas Eiroas. Que vai pasar agora?

-Seguramente o vou botar moito de menos e lembrarei as boas sensacións que tiña de poder liderar e representar o Bergantiños na Terceira. Pero a verdade é que era unha decisión que tiña bastante madurada. Son moitos anos. A pasada tempada acumulei bastantes problemas físicos. Moitas veces incluso tiña que consumir antiinflamatorios para poder competir. Entón chegou o momento de deixalo, por saúde e por non agravar algún tipo de lesión que ao mellor se puidese volver crónica.

-No seu caso, pesa a idade para o fútbol de competición a estes niveis?

-Eu fixen 34, e os compañeiros incluso me din que me ven para competir algo máis. Pero, como tamén son de carácter, e dende o rol que teño e que vin ostentando estes últimos anos, pois seguramente me custase moito ter unha participación máis secundaria ao non poder estar ao cen por cento en cada adestramento. Creo que fixen todo o que levaba dentro por tratar de axudar ao meu club a medrar. Por outra parte, creei un traballo na dirección e na base que me fai moita ilusión e me fai sentir orgulloso. Agora tócame dedicarme plenamente a iso.

-A súa é unha posición de moito desgaste, tamén o hai que ter en conta.

-Levaba practicamente tres ou catro anos con traballo diario, de luns a domingo, porque practicamente non tes tempo a descansar e desconectar emocionalmente, ao estar dirixindo e coordinando a base e, tamén, ao levar a esixencia que ten o primeiro equipo e ao ser capitán.

-En calquera caso, vai seguir vinculado ao club traballando coa canteira, algo moi interesante e bonito, non?

-Realmente, as inquietudes agora para min pasan por seguir formando aos rapaces e por continuar mellorando e aprendendo, tamén, de forma persoal, para tratar de ser máis competente no que á dirección técnica se refire. Irse construíndo pouco a pouco para que, se algún día saen oportunidades, poder estar á altura e afrontalas.

-Nestes últimos anos viviu montañas rusas co Bergan.

-Cheguei co equipo recentemente ascendido de Preferente. Sabiamos que o obxectivo era a permanencia e fixemos un moi bo ano. Ao segundo, queriamos asentar o conxunto na categoría, pero non se deu unha boa tempada e case a perdemos. Collemos, creo, o arrastre do Compostela, e foi o ascenso do Boiro o que nos permitiu manter a categoría. Estes últimos tres anos, con proxectos moi ambiciosos, logramos disputar tres fases de ascenso. Agora o equipo xa é un dos destacados da categoría, un conxunto que practicamente ten en cada partido a bitola de ser favorito. Nese momento, funme axustando ao nivel do equipo e da categoría, e gozando, sobre todo.

-Hai máis baixas importantes no equipo. Que busca a directiva?

-Trata de dar con xogadores que poidan dar un salto de nivel, que lles poidan asegurar ser moito máis competitivos para garantir mellores posicións ou tratar de loitar para acadar o campionato. Incorporáronse xogadores dun nivel moi alto que, seguramente, van dar un salto competitivo ao equipo. E creo que aínda queda algo por darlle forma.

-Quen vai quedar coa capitanía?

-Pois non o sei. Sempre a inicios de tempada o corpo técnico e o cadro de xogadores acostuman a elixir os capitáns. Nos últimos anos respectábase a maioría; agora, supoño que haberá algunha elección e que se respectarán os que eran capitáns: Toni, Granada e Cris.