«Xa hai veciños que me piden que non deixe o centro de saúde pola alcaldía»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

LAXE

ANA GARCIA

O rexedor insiste en que compaxinará o cargo municipal co que ten no centro médico laxense dende hai 24 anos

20 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Despois de dúas candidaturas con Independientes por Laxe e outras dúas co PP, conseguímolo. Foi á cuarta ocasión. Custou, pero mereceu a pena». José Luis Pérez Añón (Santa Comba, 1957) leva 24 anos residindo en Laxe. Chegou por unha praza de practicante ao centro de saúde... E ata agora. O 26 de maio obtivo a maioría absoluta necesaria para desbancar ao PSOE da alcaldía vinte anos despois.

-Sexa sincero. Estaba seguro de acadar estes bos resultados?

-Se lle son sincero, si. Aínda que non se poden extrapolar os resultados, os acadados nas xerais do 28 de abril foron excelentes para o PP de Laxe. Gañamos en todas as mesas, incluída a de Traba, onde nunca antes gañaramos. Iso foi un aliciente para pensar que esta vez si, poderíamos acadar a alcaldía.

-Cando se veu gañador o 26 M?

-Lembro que foi unha xornada moi longa, de nervios, moitos nervios. Moita tensión incluso de días anteriores. O 26 de maio estiven por todas as mesas. Cando comezou o reconto e votos vin que gañaramos con bastante amplitude en Serantes e Soesto. Quedaban as de Traba e as dúas de Laxe e todo podía pasar aínda [no 2015 perdeu a maioría absoluta por 63 papeletas]. Cando vin os resultados tan marabillosos acadados na parroquia de Traba comprendín que a maioría absoluta era moi factible, como así foi.

-Como foron estes primeiros días no despacho de alcaldía?

-Intensos, cheos de traballo, de xuntanzas, de empezar a poñer en funcionamento todo, porque o verán está aí, á volta da esquina e temos que ter todo listo para a tempada de turismo, que é, agora mesmo, a nosa prioridade.

-Supoño que o seu teléfono móbil botará fume?

-Nin que o diga. Hoxe saín da casa coa batería ao 100 % e agora [12.00 horas de onte] xa se atopa ao 25  %. Pero é normal, o cargo conleva estas cousas, pero iso é bo. Hai que asumilo con calma e tranquilidade.

-Vai deixar o centro de saúde?

-Non, quero compaxinar ambos postos. De oito a once e media da mañá estarei na consulta e de once e media ata as tres, e dúas horas máis polas tardes estarei na alcaldía.

-Non terá sobrecarga de traballo?

-Delegarei nos compañeiros, non haberá problema, pero non podo deixar o traballo de enfermeiro. Cando gañamos as eleccións o 26 de maio, empecei a recibir chamadas de veciños e pacientes pedíndome, por favor, que non deixase o centro de saúde. Ao principio non lle daba moita importancia, pero pasaban os días e cada vez eran máis os que mo pedían. Creo que a miña obriga moral e profesional é atendelos. Como compaxinarei ambos postos? Con paciencia, pero sobre todo con profesionalidade. Son o alcalde si, pero non podo agora deixar a toda esa xente na estacada e que me pide que non marche. En todo caso, cando teña unha obriga no Concello atendereina e xa verei como fago. Ademais, para iso teño aos compañeiros de goberno que o farán moi ben e atenderán as demandas dos veciños coa maior rapidez posible. Niso estou moi tranquilo.

Vai co cargo

 

 

-Quen foi a primeira persoa en felicitala trala sesión de investidura?

-Os compañeiros.

-E a primeira chamada de teléfono?

-Tiven o teléfono móbil apagado e cando o acendín tiña moitas chamadas perdidas e moitos wasaps. Pero creo que foi un amigo que teño de Carballo o primeiro en felicitarme.

-Empregará coche propio ou do Concello para os seus desprazamentos?

-O meu, un Audi A4 de segunda man.

-Como leva o do vestir? Pensa renovar vestiario?

-Merquei un traxe para a investidura e creo que o empregarei máis veces para os actos oficiais. No día a día visto máis sport e iso non o penso cambiar mentres sexa alcalde.

-Quen escolle a roupa cando vai mercar?

-A miña filla, Rocío. É a que me asesora sempre [ri], como a compra do traxe para a investidura.

-Terá tempo para facer exercicio?

-Non. Xa non era algo que fixese moito e agora coa carga de traballo que teño enriba, moito menos... Como di o outro, deporte cero, no meu caso.

-Irá de vacacións este verán?

-Non. Xa non son de vacacións e cando as teño, pásoas en Laxe. Pero este ano, máis imposible aínda collelas porque acabo de chegar á alcaldía, o comezo da tempada de verán está a volta da esquina e o turismo en Laxe é sagrado. Temos que sacar as licitacións de socorristas, temos que limpar as sendas, as pistas, as praias... Queda aínda moito traballo por diante.

-Que lle falta ao seu despacho?

-Unha impresora.

-Que tiraría do que hai?

-Nada, salvo algúns papeis que non teñen valor administrativo algún.

-Con quen manterá a primeira entrevista de traballo?

-Xa mantiven xuntanzas cos traballadores municipais e agora quero reunirme de forma individualizada cos concelleiros e os técnicos municipais das diferentes áreas para saber que é o que fai falla, que precisan e onde se pode mellorar.

Los retos

 

 

Novo goberno. José Luis Pérez Añón xa ten definidas ás diferentes áreas de traballo: «Eu como alcalde tamén levarei Cultura. Eulogio Constantino Castiñeira, Obras, Persoal e Servizos. Sandra Mouzo Pose, Servizos Sociais, Emprego e Igualdade. Raquel Lema Allo, Comercio, Hostalería e Turismo. Diego Soto Pereiro, Xuventude, Festas e Medio Ambiente. E Francisco Charlín Oróns levará Deportes, Pesca e Educación».

Dedicacións exclusivas. «Haberá unha a tempo completo e dúas parciais. A completa é para o compañeiro que leva Obras, Servizos e Persoal, Eulogio Constantino Castiñeira. As dúas parciais serán para min, como alcalde, e para Raquel Lema Allo, que levará Comercio, Hostalería e Turismo».

Dragado do porto: «Xa está aprobado, son case tres millóns de euros e agora teremos que ter unha xuntanza coa conselleira de Mar, Rosa Quintana, para fixar prazos, pero o dragado farase».

Infraestruturas. «Hai que acometer un plan de limpeza e mantemento de toda a rede viaria, que está practicamente abandonada. Tamén hai que levar a cabo un plan de limpeza de sendas, como a do Aprazadoiro». E engadiu: «Non será un mandato de obras faraónicas, senón de manter o que temos, que xa é bastante».

Saneamento. «O gran reto deste goberno. Hai que levar o saneamento a Serantes, Soesto... Parroquias e lugares que levan anos de espera por ter saneamento». Tamén falou dos problemas de inundacións na rúa principal de Laxe: «Imos acometer unha obra de limpeza en todas as canalizacións e poremos unhas tubaxes de maior diámetro para evitar os atascos cada vez que chova. Para iso falarei coa conselleira Ethel Vázquez, coa que trataremos de buscar unha solución a este problema.

Turismo. «Ten que ser o mandato do mantemento das instalacións. Laxe era coñecido por ser o sorriso do Atlántico e agora é coñecida por ser o riso do Atlántico e eu quero que volva a ser o sorriso do Atlántico. E para iso no se pode ter as papeleiras oxidadas e cheas de lixo sen recoller, a madeira das sendas peonís levantada...».

Centro de día. «Témolo complicado porque xa non se aposta por este modelo, pero hai que pelexar por el. É un compromiso adquirido cos veciños e temos que ser capaces de logralo. Falaremos con quen faga falta da xunta e buscaremos todas as solucións posibles as trabas que poidan xurdir. Eu son dos que digo que na complicación está o reto».

Débeda. «Rebaixouse grazas aos plans da Deputación, pero a costa de non facer obras. Por certo, unha débeda xerada polo PSOE. Agora é o momento de pensar en facer cousas en Laxe».