José Luís Pérez Añón: «Habería que recuperar ao típico alcalde de barrio»

Fran Rodríguez / Marta López CARBALLO / LA VOZ

LAXE

ANA GARCIA

26M: As Municipais | Pérez Añón resalta o clima «de respecto» que se deu en Laxe «ata hai pouco» e agarda que a campaña se desenvolva de xeito limpo

14 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Luís Pérez Añón (1957) repite por segunda vez como candidato popular á alcaldía de Laxe, tras ser anteriormente portavoz do grupo Independentes por Laxe. El é practicante de profesión e está adscrito ao centro de saúde da capital municipal. En 2015, a súa primeira andanza como candidato do PP, logrou cinco concelleiros e só algo máis de medio cento de votos o separaron dun resultado máis abultado. O pasado domingo presentou no hotel Playa de Laxe a súa candidatura, un acto no que estivo acompañado polo seu equipo e pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, que o apoiou en tan sinalada data. Quere Pérez Añón recuperar o contacto directo coa veciñanza e propón, para iso, reunións periódicas polas parroquias.

-Teñen nestes intres 5 concelleiros no pleno de Laxe. Que obxectivo se marcan de cara a estas eleccións?

-O obxectivo é obvio: gañar por maioría. Xa nas anteriores faltaron apenas 64 votos, e nestas queremos alcanzar esa maioría; porque se non a hai, está claro que haberá pacto entre BNG e PSOE.

-Como ve a situación política en Laxe?

-Ata hai moi pouquiño houbo un clima moi bo de respecto. Agardo que así sigamos e que a campaña sexa o máis limpa posible. Creo que o respecto debe imperar por enriba de todo.

-Que propostas traen?

-Entre as cousas que propoñemos estarían unha bonificación do 95 % da plusvalía municipal, que agora mesmo está no 30 %; así como reducir nun 10 % no recibo do lixo aos veciños. Ademais, queremos limpar e mellorar a seguridade nos camiños polos que discorre o Camiño dos Faros ao seu paso por Laxe, dado o éxito que está tendo esta ruta ultimamente.

Paralelamente, queremos recuperar o típico alcalde de barrio, porque é a maneira de estar man a man cos veciños. E diría máis, creo que debería haber reunións con eles de vez en cando; porque é máis sinxelo dicirlles «vou ata aí cando queiras», que non «pásate polo concello». Eu sempre digo que quen quere facer algo, ao final atopa os medios e o tempo para facelo; pero quen non quere, sempre atopará unha escusa.

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: A favor
  • Aborto: Que elixan as mulleres
  • Investigados nas listas: Hai que aterse ás consecuencias
  • Traslado de restos de Franco: Eu deixaría aos mortos en paz
  • Referendo Cataluña: En contra
  • Acollida refuxiados: Con condicións
  • Eutanasia: A favor
  • Cambio lei violencia xénero: Se é para mellorala, si
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: Depende das zonas, pero si

Preferencias

  • A que hora se ergue?: Ás 7 da mañá
  • Que almorza?: Descafeinado de sobre
  • Prato preferido: O cocido
  • Que non comería?: Probei a lamprea e non me gustou
  • Bebida preferida: Un bo viño tinto, un Ribera del Duero
  • Equipo de fútbol: O Dépor
  • Que coche ten?: Un A4 de segunda man
  • Unha afección: Estar cos amigos
  • Un lugar: Laxe
  • Que tarefas de fogar realiza?: Se quixera quedar ben diría que todas, pero en realidade fago as que non me quedan máis remedio

Artes e letras

  • Escritor favorito: Camilo José Cela
  • Último libro que leu: Un sobre medicina
  • Última película que viu: Unha serie, O sabor das margaridas
  • Un artista: Picasso
  • Un actor: Marlon Brando
  • Unha actriz: Julia Roberts
  • Un cantante: Moitos, pero algún de baladas
  • Tipo de música: A música do susurro
  • Deporte que practica: Ui! Non practico ningún
  • Unha viaxe pendente: Gustaríame poder visitar Roma

Preferencias

1. José Luís Pérez Añón

2. Francisco Charlín Oróns

3. Raquel Lema Allo

4. Sandra Mouzo Pose

5. Diego Soto Pereiro

6. Eulogio Constantino Castiñeira

7. María Begoña Romar Soneira

8. Araceli Méndez Pereira

9. Manuel Ramos Leis

10. María Begoña Rodríguez Díaz

11. María Mercedes Vázquez Rodríguez

Suplentes:

María Pilar Dourado Veloso, José Luis Serrapio Castro, Luis Suena Amigo, Raúl Villar Vidal, Adriana Pose Silva, José Luís Arias Vázquez, María Estela Álvarez Sánchez.