Vinte anos de «No confín dos verdes castros»

En primeira persoa | Xosé Manuel Varela Varela: «Percorremos todos os espazos de interese patrimonial e turístico durante máis dun mes de traballo de campo»


O proxecto guía + CD No confín dos verdes castros naceu no seo de Turismo de Cabana como unha acción compartida para dar a coñecer o territorio de Cabana de Bergantiños á vez que un grupo folk de prestixio empoderaba a tradición musical deste concello.

Cabana homenaxea o seu patrimonio sonoro

Patricia Blanco

MÚSICAS DE INTERESE CULTURAL | O 1 de maio celebrarase na igrexa de Santo Estevo de Cesullas e no campo de San Fins un acto de tributo ás músicas locais e a Saturnino Cuíñas, coincidindo cos 20 anos do disco «No confín dos verdes castros». Milladoiro ofrecerá un concerto que se sumará ás actuacións dunha ducia de formacións musicais municipais

No seu portal web de cara ao mundo, o Concello de Cabana resérvalle un apartado enteiro ao patrimonio sonoro local. O municipio ten sido e é terra de músicos populares. Tamén de músicos de banda, de orquestra e de acordeonistas. Tantos anos de legado, de memoria musical, teñen convertido este recuncho bergantiñán nun referente patrimonial, e iso é algo que merece homenaxe. Para o vindeiro mércores, 1 de maio, o Concello ten organizado un acto de tributo ás súas músicas e, tamén, unha lembranza ao sacerdote folclorista Saturnino Cuíñas Lois, quen fora párroco de Cesullas e dotou de identidade á romaría de San Fins, xa sexa co Berro Seco ou co Santo da Pólvora. Este tributo programado en Cabana coincide, ademais, co 20.º aniversario do disco No confín dos verdes castros, do grupo Milladoiro. A histórica formación estará presente na xornada, pechando coa súa actuación, sobre as 19.00 horas, unha completa tarde de concertos das agrupacións locais.

Seguir leyendo

Hai vinte anos, este municipio ficaba no limbo do esquecemento e quen se tivese que identificar como orixinario destas terras debería comunicarlle ao seu interlocutor que era dun concello que xeograficamente quedaba entre Ponteceso e Laxe.

O alcalde naquela hora, o médico Manuel Barral, quixo crebar ese anonimato identitario e, entre outras iniciativas, como as espectaculares e pioneiras accións turísticas da Semana Santa con visitas guiadas ou viaxes en catamarán pola ría de Corme e Laxe ou pola enseada da Insua, botou a andar este proxecto.

A guía turística, titulada Cabana de Bergantiños. No confín dos verdes castros. «A harmonía da costa da morte». Guía de itinerarios, tomou como modelo os volumes que Xosé Luís Laredo Verdejo publicara na colección Galicia Enteira de Edicións Xerais de Galicia.

Na compaña de persoas que coñecían o territorio cabanés coma a palma da man, percorremos todos e cada un dos espazos de interese patrimonial e turístico durante máis dun mes de intenso traballo de campo. Amais diso, contamos con fontes bibliográficas de rigor como a tese de doutoramento do historiador Xosé María Lema Suárez, as investigacións etnográficas do mestre Xosé Luís Otero Cebral ou artigos dos arqueólogos Ana María Romero Masiá, sobre o castro A Cidá de Borneiro, e Xosé María Bello Diéguez, no tocante ao dolmen de Dombate.

O resultado foi un volume en catro linguas que, cunha gran variedade visual, ofrecía un completo abano da riqueza deste concello para que cabaneses e cabanesas sentisen nostalxia e emoción polo seu territorio natal e non reiterasen de novo aquilo de: «son de entre Ponteceso e Laxe». Para os visitantes, era a primeira vez que se lle expoñía de modo atractivo un detallado percorrido polas singularidades das dez parroquias de Cabana de Bergantiños.

A conversión en cedé

Anos posteriores, esta versión en papel da guía converteuse en CD, colgouse en Internet como estratexia de busca de novos e máis amplos públicos e utilizouse a información dalgunha das súas dobres páxinas visuais para elaborar marcapáxinas ou paneis monográficos que na actualidade colgan das paredes do Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate.

Outra pata de banco deste proxecto foi o CD homónimo do mítico grupo Milladoiro. Non era a primeira vez que esta banda folk tomaba Cabana de Bergantiños como espazo de inspiración. Un dos seus discos inaugurais, O berro seco, nacería dunha inmersión musical na romaría de San Fins do Castro na que campaba, de modo sobranceiro, o maxisterio do crego folclorista Saturnino Cuíñas Lois. Ademais, qué grupo galego que se prezase durante o último cuarto do século XX non incluía no seu repertorio a internacional Muiñeira de Cabana, do guitarrista e gaiteiro Manuel do Bosque (Manuel Figueroa Moreira)?

Neste CD mesturábanse pezas de raizame legadas por Saturnino Cuíñas con outras de nova creación da man de Milladoiro. A figura do crego de Cesullas, que décadas atrás fora recoñecido coa medalla de ouro do Premio Marcial del Adalid polo seu labor de recuperación etnomusical, foi indispensable para que pezas como o Maneo de Fontenla, os Cantos de pandeiro de Cabana e Corcoesto ou Rebordelos tinguisen de inspiración tradicional un traballo musical sublime. Coas cancións No confín dos verdes castros, O Santo de Pólvora e Dombate, Milladoiro descubría a alma entrañable de espazos e iconas simbólicas do territorio cabanés.

Con ambas as obras acabadas de saír do forno, proseguiuse cunha xira de presentacións-concerto nas que foron citas obrigadas a celebrada nun teatro Colón da Coruña ateigado ata os topes ou a do campo de San Fins do Castro na data da romaría. Ademais, Milladoiro, desde hai 20 anos, rememora en cada concerto todas e cada unha destas oito pezas de ADN cabanés, así como lembra a importancia que o crego Saturnino Cuíñas Lois tivo, e aínda ten, para a historia musical do país.

Uns apuntamentos biográficos

Nado en Malpica (1967), é docente de lingua e literatura galegas, así como dinamizador cultural e músico tradicional. Participou en diferentes proxectos de divulgación turística dos concellos de Malpica e Cabana, como a guía cuxo proceso de creación relata el mesmo no texto. Participou, así mesmo, en moitas obras de eido patrimonial e literario. Camiños polo concello de Malpica (2000), Guía do miradoiro de aves José Luís Rabuñal Patiño (2008), Olería de Buño (1998), De Pondal ao Batallón Literario (2009), Asunción Antelo Suárez. As penurias dun amor (1999) ou Regueifa dunha vida (2008) son só algunhas das pezas nas que participou activamente. Moi afeccionado á música tradicional, gañou o premio Bergantiños desde os Libros no ano 2000 e obtivo unha mención especial no IV Certame Xornalístico Neria, tamén no 2000.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Vinte anos de «No confín dos verdes castros»