Borja Facal: «Pelexamos para manter a praza de campións ata o final de tempada»

O capitán do Bergantiños valora a recta final da primeira volta de liga en Terceira División e o seu papel, así como o choque de hoxe da volta de dezaseisavos de final da Copa Federación


Carballo / La Voz

Borja Facal Lema (Laxe, 1985) é moito máis có capitán do Bergantiños. Defendendo a posición de lateral dereito, chega a ser decisivo en gran parte dos partidos de Terceira División para sacar os 3 puntos. Está a facer unha quinta tempada de insignia.

-Tras nove xornadas iniciais nas que todo foi sobre rodas, parece que agora, no final da primeira volta, está tocando sufrir un pouco. ¿A que se debe?

-Houbo rivais que patinaron antes, mentres que nós tivemos máis regularidade. Pero o importante para nós era estar preparados emocionalmente para estes momentos que sabiamos que ían chegar ao ser unha liga moi competida. E agora estamos traballando nesa circunstancia, sabendo que hai rivais que nos perseguen porque agora están logrando sacar adiante todos os seus partidos, pero coa tranquilidade que nos outorga a posición de líderes para seguir defendéndoa, sen ningún drama nin presión.

-¿Esa competitividade explica, entón, que en partidos contra rivais da zona baixa, como foron os dous últimos contra o Porriño e o Polvorín, custe sacar os puntos?

-A clasificación dá unha idea equivocada. Os partidos poden ser moi contextuais. Todo depende de como empecen, ou como acaben. Sempre está o factor de imprevisión.

-En todo caso, vostede está sendo decisivo en moitos partidos, e noutros que o balón non quixo entrar, e iso que é lateral. ¿Sempre tivo esa capacidade de gol ou incluso se está sorprendendo a si mesmo esta campaña?

-Na miña primeira época de futbolista xoguei de extremo. Agora estou de lateral porque me ven capacidade para defender esa posición mais porque aí estou moi cómodo. Pero sí é certo que no noso modelo de xogo, os laterais temos unha participación moi importante de cara a portería e, sobre todo, nas accións a balón parado. O corpo técnico confía en min moito nese aspecto, e a min esa confianza permíteme incluso predicir situacións e estar moi tranquilo porque sei que hai xogadas que se predispoñen para que eu apareza nos espazos e poida rematar.

-Vostede é dos que máis golpea de cabeza, pero en xeral, todos o fan. Para exemplo, o último partido no que tanto Rivera como Baleato marcaron coa fronte. ¿É unha calidade ou unha técnica que preparan?

-Cando hai moitos goles de cabeza é porque hai bos lanzadores. Pero sí é certo que o noso modelo de xogo é gañar espazos laterais para buscar centros. Temos xente con envergadura, con moita presenza aérea e na área, e que nos enfrontamentos corporais ten capacidade para sacar vantaxe. Entón esa é unha virtude do equipo. Somos poderosos niso, e cando un equipo sabe que ten poderío nunhas cousas disponse a buscalas.

-¿Custará acabar líderes a primeira volta coa difícil saída na próxima fin de semana ó Barco, mais con algún outro encontro coma contra o Alondras?

-Os partidos van ser todos competidos. Imos defender a posición que temos sabendo que vai haber momentos nos que imos perder puntos que outros xa perderon antes, pero cunha distancia que nos permite traballar con tranquilidade, mentres que outros teñen que esperar a que perdamos para saír á caza.

-¿O liderato failles estar confiados en entrar na liguiña de ascenso a Segunda B, ou para nada?

-Non confiados, pero sí que o equipo foi preparado para disputar esa liga dende o mellor posto, e á medida que imos vendo que tanto o Compos como o Racing de Ferrol non teñen regularidade e nós nos posicionamos líderes, pois pelexamos para manter esa praza de campións ata o final de tempada.

-¿Como ve o partido de hoxe, da volta de dezaseisavos da Copa Federación contra o Lealtad [As Eiroas, 17.00], logo de na ida firmar táboas a un?

-Eu estou convocado. Tomámolo como un encontro que nos permite seguir preparándonos para mellorar como grupo, e coa participación de xuvenís, co bo que é iso para eles, mais tamén para referendar o traballo que se está facendo na base cunha xeración espectacular de rapaces. É por isto polo que queremos seguir avanzando nesta competición, mais porque lle dá visibilidade ó club.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Borja Facal: «Pelexamos para manter a praza de campións ata o final de tempada»