«A toponimia é clave á hora de chegar a comprender a historia dun lugar»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Ana Garcia

A obra de José Vázquez Lavandeira, na que recompila os nomes propios dos lugares do municipio de Laxe, é gratuíta

07 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora xubilado, José Vázquez Labandeira foi boa parte da súa vida profesor de autoescola, aínda que tivo sempre un fondo interese pola investigación local e comarcal. É natural da aldea de Matío, na parroquia laxense de Nande, e recentemente lanzou unha obra na que compila a toponimia do municipio.

Entre os seus descubrimentos hai tamén algunha reinterpretación, como a orixe do termo Traba, asignado historicamente á raíz latina Tabula. Para o autor debería, máis ben, provir de Treba [Tribo], pois «non aparece a letra r en ningunha derivación da palabra Tabula, en ningún idioma latino» afirma o autor.

-Labandeira, con b...

-Na miña familia hai séculos que o vimos escribindo con b [ri].

-Di no prólogo que o libro foi «roubado ao tempo por anacos».

-E así foi. Levoume uns anos facer a investigación, pero é que eu non son nada regular, entón tanto lle dedicaba varios días seguidos como deixaba pausado o proxecto durante meses.

-¿Qué fontes empregou?

-Pois explorei multitude de obras, mirei no Catastro, explorei documentos moi vellos... E tamén fixen un traballo amplo de contacto coa xente. Hai moitos topónimos que, sen aparecer en documentos escritos, si hai moitos veciños que os recordan, pois ao mellor deixaron de existir cando a concentración parcelaria. Hai mesmo casos de aldeas que desapareceron: constan, polo menos, até o século XVIII, pero na actualidade non hai rastro, como unha que recollo no libro denominado Valverde.

-¿Con qué obxectivo publicou este volume?

-Primeiramente o que quería era deixar recollidos moitos nomes que se están perdendo co paso do tempo. Nun segundo plano tamén estaría a busca da explicación etimolóxica, dentro das miñas posibilidades. Pero, sobre todo, o que me interesaba era compilalos para que, en caso de eu non dar atopado esa raíz etimolóxica, polo menos que houbese unha referencia para que outra xente o investigase.

-Fala ao longo da obra dunha sucesión de cambios que se veñen levando a cabo nos últimos cincuenta anos, e a un ritmo vertixinoso. ¿Perdéronse moitos topónimos nestes decenios?

-Non sabería dicir unha porcentaxe, pero hai moitísimos nomes que, ao preguntarlle por exemplo a xente máis nova ca min, ou mesmo da miña idade, xa os descoñecen. Debeuse moito á chegada da concentración parcelaria, pois aí perdéronse moitos microtopónimos e nomes de fincas pequeniñas ou áreas concretas.

-Un xeito eficaz de coñecer a historia dun lugar é, precisamente, a través dos seus nomes.

-É a clave á hora de comprender a historia dun lugar determinado, xa que as xentes da zona fóronlle poñendo nomes durante os anos en función do significado da palabra. E poden saberse moitos detalles, como a presenza de batáns ou castros, só estudando os topónimos.

-¿Algún descubrimento curioso?

-Moitos, pero hai un moi curioso, que é O Rego do Cu. A interpretación da xente foi que esa zona [un pequeno regueiro que discorre por un val, desembocando na praia de Arnado] se parecía ao rego dun cu humano, pero nada que ver. En realidade a palabra deriva da forma indoeuropea Cua, que significa río.

-¿De onde procede a verba Laxe?

-É posible que proveña da raíz Lab, e significa pedra cha.

-Moitos nomes serán latinos...

-A meirande parte son topónimos latinos, o segundo grupo en abundancia sería o indoeuropeo, e tamén hai algúns de orixe árabe, como Atalaia, Alcacéns, Almozarro... Aínda hai varios.

-¿Onde se pode conseguir «Toponimia do Concello de Laxe»?

-Pois é completamente gratuíto e pode recollelo quen queira no propio Concello de Laxe.

-¿Traballa nun segundo libro?

-Pois teño xa medio iniciado un proxecto en relación a aspectos de interese que hai no municipio. Por agora centrareime sempre no Concello, xa que un debe estudar o propio antes de lanzarse ao de fóra [ri]. Gustaríame compilar, por exemplo, restos históricos, historias, lendas...