A época de tributos e muíños negreiros

Os hidráulicos eran bens moi valorados, pola necesidade de converter en fariña os cereais

.

A mediados do século XVIII volvemos a dispoñer de datos de interese sobre a parroquia de San Pedro do Porto recollidos no Catastro do Marqués de la Ensenada en resposta ás preguntas que lle facían a varias persoas cualificadas da freguesía. Este interrogatorio realizouse na casa reitoral de Riazos o 2 de xuño de 1753 e, xunto coa parroquia porteña, aparecen as de Carnés, Traba de Laxe, Serantes, Xaviña, Buría, Cereixo, e os coutos de Cereixo e Carnés.

Por estas datas, San Pedro do Porto continúa a ter unha poboación dispersa, distribuída polo territorio en pequenas entidades de poboación, dedicada fundamentalmente á agricultura. Sementábase trigo, millo, liño e nabos. Estes cultivos rotábanse durante un ciclo de tres anos. O primeiro plantábase millo, ao seguinte trigo e alcacén, este último para o gando; e no terceiro, liño, e recollido este, sementábanse nabos, tamén para os animais. Os montes estaban na súa meirande parte cubertos por toxo, aínda que existían carballeiras nas zonas máis baixas e próximas ao río.

A poboación da parroquia porteña (134 veciños) aumentou con respecto ao século pasado. Se a comparamos coas circundantes, percibimos que supera a todas elas: Xaviña (78), Carnés (108), Carantoña (85) ou Cereixo (86). Non obstante, a de Buría destacaba de xeito notable, con 222 veciños.

A veciñanza estaba sometida a pagar numerosos tributos. Uns destinados ao conde de Altamira como o denominado «carneiro de lobo», real e medio; a «gallina de viuda», un real; ou a «luctuosa», a entrega da mellor res, cando morría o cabeza de familia.

Outros destinados á igrexa, coma os décimos e primicias, que levaba o párroco e Bernardo Rioboo, clérigo de ordes menores de Cabanas. A oblata, medio ferrado de millo, tamén para o crego, e o voto de Santiago, medio de centeo, para o arcebispo compostelán. Ao rei ía destinado o imposto de «sisa», que se cargaba sobre algúns dos produtos que máis se vendían, coma o viño.

O río axudaba

Os muíños hidráulicos eran bens moi valorados por estes anos, por mor da imperiosa necesidade de converter en fariña os cereais. Habíaos de trigo (albeiros) e de millo (negreiros).

Na parroquia porteña abundaban moito este tipo de construcións polas idóneas condicións que presentaba o río do Porto no seu tramo final: pronunciada pendente que aumentaba o potencial enerxético das augas e abundante caudal, que permitía que os muíños moesen durante todo o ano, a diferenza doutros construídos nos regatos, que tan só o facían durante os meses de chuvias. En temporada de verán a xente de lugares afastados como Camariñas, Arou ou Camelle viña moer a estes muíños do río do Porto.

O abondoso caudal do río permitía construír muíños de máis dunha roda e ser así máis rendibles. Os seus donos adoitaban ser persoas destacadas polo seu poder económico, algunhas delas de fóra da parroquia, como Gerónimo de Lema de Cee, propietario do de Arriba, nas Barrosas, ou José Aguiar de Vimianzo, dono do da Insua e do Penedo. O párroco tamén tiña o seu, preto da casa reitoral, no chamado río do Cura, que xa existía desde o século XVI.

Vinte e cinco rodas de moer na parroquia

 

 

Na parroquia había 14 muíños, que tiñan en total 25 rodas ou pedras negras (de millo). Os do río do Porto estaban distribuídos en tres grupos.

O primeiro, situado nas Barrosas e na Pesqueira, no que se atopaba o de Arriba, de tres rodas; o de Abaixo, de catro; o novo de Arriba e o novo de Abaixo; e o da Pesqueira, este de tres rodas. O segundo conxunto estaba na Insua, onde había un de tres rodas, un de dúas e outro de unha. E por último, situábanse os do Penedo, onde se atopaba un de tres rodas. O resto localizábanse en regatos como o río de Lazo, do Sisto, ou no da Devesa, este en Camelle. De todos eles o que máis rendemento producía era o de Arriba, que daba unha renda anual de 1.474 reais.

Chama a atención que nunha zona na que se sementaba trigo, como anteriormente vimos, non houbera ningún muíño albeiro para moer este cereal. A resposta estaría en que este produto, máis valorado có millo, destinábase a pagar as rendas dos foros e tamén ao mercado, para o consumo en vilas e cidades. No mundo rural, como era o caso desta zona, o millo era o cereal de consumo doméstico, con el elaborábase a boroa, pero tamén se destinaba á alimentación do gando.

En todas as parroquias da zona, ademais do párroco había algún clérigo máis. Na parroquia porteña o reitor era Francisco Castro, ao que acompañaba como coadxutor Martín de Insua.

Por esta época aparecen nomeados os primeiros tratantes ou vendedores de encaixe. En San Pedro do Porto cítanse dous: Pedro Carballo e Francisco Couto. Na de San Xurxo de Buría, na que se incluía tamén a vila de Camariñas, había cinco: Juan Díaz Porrúa, Roque Fernández, Francisco de Pazos, Domingo de Traba e Andrés Rodríguez. Non obstante, non consta o nome de palilleiras, tan só unha en Camariñas: Antonia López. Pola contra, segundo os datos que nos achega este mesmo Catastro, na de vila de Muxía aparecen nomeadas 40 palilleiras e 20 tratantes de encaixe.

As confrarías da parroquia porteña durante este século XVIII estaban en pleno auxe. Eran as que dinamizaban a vida relixiosa e festiva da comunidade. Ademais tamén se encargaban de contratar obras na igrexa parroquial e nas ermidas. A elas acudían canteiros, carpinteiros, escultores, pintores ou prateiros a buscar traballo. Á parte das xa fundadas no século anterior como a do Sacramento, Rosario ou Espírito Santo, creáronse dúas novas: a do Corazón de Xesús, a iniciativa do párroco Francisco de Castro, e a de Guadalupe, advocación que nacera neste século dentro da capela de San Roque, a raíz de que esta Virxe aparecera debaixo da ponte do río do Porto.

Durante este século da Ilustración acometeranse importantes obras nos edificios relixiosos da parroquia. Constrúese de novo a capela do Espírito Santo de Camelle, a comezos de século, e uns anos despois, escúlpese o seu retablo (1725). Cara a mediados de século, tamén se reedifica a capela de San Roque e de Guadalupe, que substituíu á anterior renacentista. Por estes mesmos anos levántase de novo a igrexa parroquial de San Pedro, ampliando as dimensións do primitivo templo románico. O mestre de obras Manuel Gamallo, a finais deste século XVIII levantará de novo a capela maior desta igrexa, e por estas mesmas datas, contrataráselle o retablo maior neoclásico ao escultor Xosé Ferreiro, que o rematará a comezos do seguinte.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A época de tributos e muíños negreiros