O laxense José Manuel Santos completou hai pouco máis dunha semana o maratón máis duro de España en León
06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O deporte da Costa da Morte nunca deixa de sorprender co seu potencial. O último en facelo foi o laxense de 44 anos José Manuel Santos Pose, que vén de completar na última fin de semana de maio a carreira máis dura de España que tivo lugar en Caín (León): o Desafío El Cainejo, un ultra maratón de alta montaña polos Picos de Europa. Nada máis nin nada menos que 52 quilómetros de percorrido e un desnivel de 10.200 metros positivos, que é o factor máis extraterrestre. Pero este non é o primeiro ultra trail que corre nin vai ser o último. A súa historia é verdadeiramente heroica e convérteo no único atleta da comarca en practicar esta modalidade periodicamente e por todo o país.
-¿Como foi a experiencia?
-A carreira foi tan brutal como bestial; había un barrizal tremendo porque choveu todo o día, e nos picos máis altos, neve. Pero tras 11 horas 28 minutos e 33 segundos cheguei impoluto, na posición 79 na clasificación xeral, e na 22, en veteranos. E ó día seguinte aínda corrín outra de 18 quilómetros, pero esa xa foi para estirar as pernas [ri].
-¿Como comezou a súa afección por este deporte?
-Comecei hai cousa de tres anos a raíz doutros compañeiros porque tiña moito tempo libre, pero máis en serio, hai dous. O ano pasado fixen sete ultras por toda España, e grazas a iso coñecín a moita xente que agora son meus amigos. Isto é moi san, pero, sobre todo, moi bonito. As paisaxes son fermosas. Recoméndollo a calquera. Iso si, que adestre, porque emprender estas aventuras que consisten en correr máis de 20 horas seguidas, sen unha mínima preparación, é imposible. E aínda facéndoo, é unha auténtica loucura.
-¿Como se prepara vostede?
-Adestro seis días á semana: tres no ximnasio, onde só fago exercicios concretos de forza e resistencia, e outros tres correndo polo paseo e polos montes de Laxe. No día de descanso, fago bicicleta ou natación. En canto ás horas que lle adico é en base a dureza de cada proba.
-Aínda así, ¿como resiste a carreiras de tan extrema dureza?
-Todas as persoas temos un tope físico. E cando chegamos a el é cando a cabeza entra en xogo e che di que pares ou continúes. No meu caso, sempre me di que tire para adiante. A estratexia que eu sigo é dividir a carreira en franxas en base ós avituallamientos. Deste xeito, a miña mentalidade é que cando chego a un, só penso en estar xa no outro, e así ata a meta. Outra xente leva música motivadora, pero cada un ten o seu xeito. Eu prefiro ir falando ca xente.
-¿Aínda lle quedan forzas para iso?
-Si [ri]. E que ata os gañadores nalgún momento andan. Ninguén é capaz de correr tanto tempo sen parar. Incluso nas más longas, tes posibilidade de deixar unha mochila cunha muda ou de botar unha cabezada. Pero o meu obxectivo é sempre parar o mínimo porque despois ó corpo cústalle arrincar.
«O meu soño é participar no Ultra Trail de Mont Blanc, nos Alpes suízos»
-¿Ten algún obxectivo en mente por cumprir?
-Na carreira que de verdade quero participar é no Ultra Trail de Mont Blanc polos Alpes suízos, que cruza tres países: Francia, Italia e Suíza. Pero hai unhas prazas limitadas para as que tes que conseguir os puntos ITRA xa tan só para poder preincribirte. Eu o ano pasado xa os logrei, pero non entrei. Este ano, se me volve a pasar o mesmo, á terceira vez teño a participación garantida.
-¿Cal é a próxima cita?
-En xullo vou facer outro no País Vasco de 168 quilómetros e 11.000 metros de desnivel positivo. O obxectivo é completalo en 36 horas, aínda que neste tipo de probas é moi complicado facer un prognóstico porque hai moitas variables que poden retrasar o tempo estimado ou incluso obrigarte a abandonar. De feito, normalmente sempre hai sobre un 50 por cento de persoas que se retiran.
-Son máis os factores en contra que a favor, ¿non?
-Sen ir máis lonxe, nunha ruta de 50 quilómetros para abaixo xa che poden suceder mil cousas como unha rozadura, unha caída, unha escordadura ou que a comida che sente mal e teñas náuseas. Neste sentido, eu sempre tiven moita sorte até o de agora. Nunca abandonei, e iso que tiven caídas, como por exemplo, o ano pasado, nesta última proba que realicei. Faláronme, despisteime, tropecei cunha pedra e esvarei polo costado da montaña. Xa menos mal que había un descanso e foi o que me freou e salvou, porque nesa mesma carreira hai dous anos, un home precipitouse ó baleiro e faleceu. O tempo tamén xoga un factor importante e perigoso. Ás veces, a excesiva neve obriga a parar a carreira, e só queda rezar porque os que están no pico da montaña cheguen. O móbil non serve para nada, pois non hai cobertura, e as evacuacións fanse en helicóptero. E outras veces é a extrema calor ou frío o que complica as probas: teño corrido con 47 ou con menos 7 grados.Pero teño claro que aínda que isto supón moitos gastos, fágoo para gozar. É o que levarei de esta vida.
-¿Ten algún apoio económico?
-Conto coa axuda da Torre de Laxe e de Míster Nutrición de Carballo, ós cales lle estou moi agradecido [deixa caer que algún apoio máis, non viría nada mal].