«Ou te diferenzas dalgún xeito ou acabas sendo simplemente un máis»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

LAXE

JOSE MANUEL CASAL

A Torre de Laxe abre hoxe as súas portas para un showroom: de 11.00 a 19.00 horas

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Showroom de 11.00 a 19.00 horas • Xornadas de traballo intenso as que se viviron na Torre de Laxe nestes últimos días para que todo estivese a punto no día de hoxe, no que abren as súas portas a todo o público que queira acudir e coñecer tanto o seu modo de traballar como as últimas novidades en materia de celebracións. Proveedores, showcookings, coctelería, roupa, fotografía de eventos, música, servizos de planificación de vodas... Cóntao Carmen Pose, a propietaria do negocio.

-Chegou o día.

-Si, por fin. Houbo moitísimo traballo previo, sobre todo nestes últimos días, así que hoxe toca gozar da xornada e que vaia todo ben.

-¿Por qué decidiron facer un «showroom»?

-Ou te diferenzas dalgún xeito ou acabas sendo simplemente un máis. Hai que moverse, en tódolos sectores realmente, pero en especial con isto das vodas, nos que cada parella quere unha cerimonia especial.

-¿Cales son as tendencias que dominan no mercado?

-Pois agora búscanse moito os espazos abertos. O clásico restaurante pechado de toda a vida xa non se leva. Os noivos queren sentirse especiais, e eu creo que é totalmente lóxico. É un gasto importante e non queren ver que a súa voda sexa igual que a do veciño. Porén, non por prestar máis atención aos detalles deixan de fixarse na comida, que segue sendo moi importante.

-Iso si que non cambia.

-Non, aquí en Galicia séguese prestando moita atención ao tema gastronómico. Ás veces vén xente de fóra e pensan que cando remataron os pinchos xa acabou o banquete, e en realidade non fixo máis que comezar.

-¿Seguen contratándose eses banquetes copiosos de sete ou oito pratos diferentes?

-Non tanto. Agora miman moito os aperitivos e sérvense moi abundantes, ao mellor con sete ou oito variedades diferentes. Tamén lles gusta poñer estacións presenciais, como unha pulpeira ou unha filloeira, nas que os convidados ven en directo a elaboración da comida. Contratan un aperitivo bastante longo e despois, cun marisco, un peixe e unha carne van máis que servidos.

-Tampouco se precisa moito máis para ter un bo banquete.

-É que eu creo que é unha tontería coller tres ou catro mariscos porque ao final a xente acaba aburríndose de estar sentada. Agora gusta tamén moito a recea. Cando levan xa unhas horas bailando e volven ter fame agradecen moito un aperitivo: unhas mini hamburguesas, porcións de pizza, brochetas de froita...

-O baile si que non se perde.

-Para nada, iso si que é un común en todas, e ademais prolónganse moito. Eu calculo que as vodas poden durar entre 12 e 14 horas, en total. Á xente dao todo.

-¿Como foron as últimas tempadas?

-Pois levamos unha moi boa racha, e cada vez imos a mellor. Comezar é moi complicado, e nós ademais tiñamos ese engadido de que a xente consideraba o catering como algo negativo. Cando a xente foi vendo que a comida está realmente boa e que, ademais, cociñamos bastante diante dos comensais, foron convencéndose.

-¿E que tal a nivel turístico?

-O ano pasado foi boísimo e este, polo que podemos ir vendo, parece que irá polo mesmo camiño, ou mesmo mellor. De cara ao verán hai determinadas fechas nas que practicamente estamos ao completo, sen habitacións dispoñibles, e iso que estamos aínda no mes de abril.

-Están sendo uns bos anos para o turismo comarcal.

-Eu penso que é o futuro para a Costa da Morte. Temos que coidar moito o turismo e saber vendernos, xa que ao mellor noutros sectores non despuntamos tanto. Quizais as institucións deberían mollarse un pouquiño máis, porque a maior parte dos proxectos que vemos nacen da iniciativa privada. Só hai que fixarse, por exemplo, en ideas como a do Camiño dos Faros.

-Que sirva, entón, como mensaxe para as institucións.

-Efectivamente, que nos axuden e boten unha man.