Os peixes con «x», imaxe e atractivo gastronómico de Laxe

Creouse unha imaxe corporativa específica, acudirase a feiras agastronómicas con este produto e xa están en marcha unhas Xornadas Gastronómicas para o mes de abril


CARBALLO / LA VOZ

Como o pan para Carballo, como a filloa para Zas ou como o bolo do pote para Mazaricos. Laxe xa ten atractivo gastronómico elixido e en torno a el vai xirar toda a imaxe deste municipio de cara ao exterior e nas citas deste ámbito que se leven a cabo, como pode ser Xantar. A escolla feita en Laxe foi o peixe e, de feito, dende a concellería de Comercio, Hostalería e Turismo, presidida polo edil Xosé Manuel Pose, acaba de poñerse en marcha a campaña «Con X de Laxe, con X de Peixe». Trátase, pois, de promocionar os peixes que teñen «x» -con x de xarda, con x de xurelo, con x de coruxo, con x de xuliana, con x de abadexo ou con x de xouba-, pero máis alá aínda, de facer destes todo un atractivo culinario a nivel municipal. É por iso que se creou unha imaxe corporativa específica, coa que se pretende non só difundir o eslogan mencionado senón crear un vínculo férreo entre estes produtos e a gastronomía local. Así pois, a intención, segundo manifesta Xosé Manuel Pose, é que Laxe acuda a feiras gastronómicas «a través dos peixes que levan o X en galego».

Xornadas en abril

Unha das primeiras actividades desta campaña e desta idea de futuro xa é inminente, e levarase a cabo entre o 9 e o 15 de abril. Trátase das primeiras Xornadas Gastronómicas «Con X de Laxe», organizadas dende o departamento de Hostalería en colaboración coa Deputación da Coruña. Durante os sete días de duración, os consumidores que se acheguen ata a vila poderán degustar os menús presentados por nove establecementos: Áncora Taberna, Casa do Arco, Bar Escaravello, restaurante Mar de Laxe, panadería-pastelería O Ben Me Sabe, taberna-restaurante O Bocho, café-bar O Recodo de Antía, mesón O’Rincón d’Lucas e restaurante Zurich. As opcións son moi diversas e os prezos tamén, xa que as propostas van dende os 6 euros ata os 30. Brocheta de xuliana e tataki de xarda (Áncora); mexillóns á vinagreta, salpicón de xuliana con lagostinos e coruxo ó forno ou en caldeirada (Casa do Arco); ceviche de xurelo (Escaravello); carrillera de xuliana en tempura de curry con guacamole e matambre de xuliana á grella (Mar de Laxe); rillete de xarda, papillote de xurelo e empanada aberta de xoubas (O Ben me Sabe); ameixas á mariñeira e abadexo en caldeirada (O Bocho); xuliana con salsa de langostinos (O Recodo de Antía); medallóns de xuliana mariscada con ameixas e langostinos (O’Rincón d’Lucas); e mexillóns ó vapor e xuliana en caldeirada (Zurich) son, dun xeito resumido, as nove propostas deseñadas. Participar nestas consumicións terá ademais opcións de premio, en tanto que a degustación dos menús permitirá entrar no sorteo dunha cea para dúas persoas, a consumir en calquera dos nove negocios adheridos a estas xornadas.

Ruta en maio

Esta cita coa gastronomía non é a única na que xa se pensou en Laxe dentro da campaña. Así, avanzan que para a fin de semana do 19 e 20 de maio está prevista unha ruta de pinchos que será denominada «Peixes con X».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Os peixes con «x», imaxe e atractivo gastronómico de Laxe