Inmersión na arte relixiosa de Laxe

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Xosé Ameixeiras

O investigador Xosé María Lema dirixiu unha interesante xira dun grupo de excursionistas polas igrexas laxenses

10 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os canóns da Atalaia apuntaban á ría. As incursións piratas non respectaban nin sequera o sagrado. Alí está a igrexa de Laxe, un exemplar de gótico mariñeiro ao que o salitre lle vai comendo as figuras exteriores. Os templos gardan o ADN da historia das parroquias. Neles acumúlase o mellor da arte e da arquitectura de gran parte dos centros rurais da Costa da Morte. E tamén de Laxe, onde celebraron un percorrido polos seus templos. Foi guía Xosé María Lema, precisamente doutor na arte relixiosa.

Na primeira metade do século XV, Xoana de Castro quixo darlle un pulo á igrexa, con base do século XIII e planta de finais do século XV e principios do XVI. Nos anos 50, un raio fundiu o retablo e, coma se fose un milagre, deixou ao descuberto unha marabilla da escultura cunha representación gótica con aspectos paleocristiáns da Resurección e outros movementos de Cristo. «Crese que é anterior á igrexa», apuntou Lema Suárez.

Como construción auspiciada polos Moscoso non falta un san Domingos, que lle falara á súa nai dende o ventre, segundo a lenda. As imaxes pétreas de santa María e santa Inés son tamén de admirar entre outras moitas cousas desta fábrica.

En Serantes, Lema ensina que nun contraforte da parede sur hai restos dunha lauda precristiá. Outro templo de base románica. Na súa portada loce unha placa de homenaxe a José Antonio. Todos miran, pero ninguén di nada. Dentro, Xosé María Lema conta que a imaxe da Virxe María foi doada Genaro Añón nos anos sesenta do pasado século. A escultura orixinal ía moi vella e o crego e mailo fregués decidiron substituíla por unha nova. Cando o párroco ía enterrar a santa María antiga, porque así o ditaba o costume, Genaro díxolle que era mellor que lla dera a el. E así fixeron.

A atención no decaía. En Soesto, os presentes falaron da teima dos veciños de non deixar perder a importancia da súa parroquia, malia a ser considerada anexa de Sarces. Viron o escudo dos Posse nun lateral da capela do Rosario. O entorno do altar maior ten base románica, de finais do XII e principios do XIII. A fachada, a porta principal e os alicerces da nave son do gótico tardío. Respírase paz en Soesto, onde xa teñen preparado o santo Estevo para a procesión do día 26. Neste lugar, Lema aproveitou para lembrar a Juan Antonio Pose, o crego liberal defensor da constitución de Cádiz de 1812 perseguido polo Goberno de Fernando VII.

Logo veu San Simón de Nande. Nunha parede da caseta de fábrica hai un vello lintel da suposta antiga entrada do cemiterio. Se ben apenas de percibe a inscrición, Xosé Vázquez Lavandeira, veciño do lugar, explicou que pon: «Como te ves, me vi. Como me ves, te verás». Pararon os presentes diante primeira lápida en galego da bisbarra, a dos pais do crego Manuel Castiñeira, e coñeceron o froito dos roubos de imaxes nesta igrexa.

Xa ía a mañá vencida cando o autobús chegou a Traba. Templo case todo románico, se ben o arco triunfal xa ten trazas góticas. A capela da Virxe dos Milagres é dos anos 20, cando se introduciu este culto, ao igual que noutras parroquias. Advertiron os excursionistas que no retablo hai un Santiago peregrino, outro procesional e o da fachada exterior, o mata mouros. Lema lembrou que o Cardenal del Hoyo conta que aquí un soldado escocés que cometeu sacrilexio «rabió por la ingle». O cheiro do invasor morto durou anos na igrexa. Unha historia como moitas outras que onte se contaron.