«Non sei se é de familia, pero o de axudar e divertirse sempre me tirou»

O voluntario laxense mantén contacto cos rapaces que tivo con el pasando a mili


Cee / La Voz

Jesús María Pose Lema (Laxe, 1955) é probablemente unha das persoas máis coñecidas, e queridas, do seu pobo. Axúdalle o carácter, o positivismo e as ganas de levarse ben con todo o mundo, o gusto pola música canalizado a través do grupo O Tren da Unha, o coro Atalaia e, sobre todo, o labor que realiza dende hai preto de 30 anos na Cruz Vermella, da que é presidente.

-¿Como entrou na Cruz Vermella?

-Penso que foi en outubro de 1989. O meu é a administración e facíalles falta alguén que lles axudase co papelexo, así que entrei como secretario con Manuel Rama de presidente unha tempada larga. Tivemos un problema coa lancha, a Tain, que se avariou e estivo case un ano embarrancada. Entre nós avalamos un crédito para arranxala e comprarlle outro motor e así fomos indo. Agora temos unha de comodín que se chama Mar Laredo e me parece que está nun porto de Asturias. Cando falla algunha das outras mándannola, pero estamos esperando porque Salvamento deunos unha nova, a Carmé, que leva o nome dunha constelación ou algo así [es un satélite irregular de Júpiter] que acaban de descubrir.

-¿Como se explica que manteñan a actividade tantos anos cando noutras zonas non é así?

-Aquí en Laxe, e en Malpica igual, sempre tivemos actividade con distintos programas. Agora mesmo estamos adscritos a Salvamento Marítimo para iso, salvamento e loita contra a contaminación, pero xa temos feito un pouco de todo: reparto de alimentos, temas de reciclaxe e cousas así.

-¿Tocaría tamén algún servizo nada agradable?

-Iso sempre pasa, pero a nós a traxedia tocounos a fibra moi de preto. Perdemos a dous voluntarios, pai, que era o patrón, e fillo, que morreron no naufraxio do Panchito. Iso foi un luns e o domingo, o día anterior, o fillo, Eduardiño, aínda saíra na Tain a buscar outros náufragos. Normalmente colles máis mortos que vivos, pero tamén é importante despois dun accidente, cando xa non se pode facer nada, entregarlla á familia o corpo do seu defunto. Nós rastreamos durante días, normalmente nove que é cando se supón que saen a flote pola descomposición, pero facemos o que nos mandan dende Salvamento, saímos cando eles nolo din.

-Trataría con moitos voluntarios.

-Moitísimos. Aínda collín a moitos dos da mili que algúns agora xa teñen fillos e case netos. Moitos rapaces da zona de Neaño, Canduas,... Trátome con todos. Eu sempre os tratei ben, e eles a min, tamén.

-Alguén que se mete no voluntariado é porque ganas de axudar xa ten.

-Si. Non sei se é cousa de raza, de familia, pero a min o tema de axudar e o de divertirse sempre me tirou. Chamáronme para axudar e como é unha cousa que che tira aí estou. O tema administrativo tampouco require gran esforzo. É encher un par de formularios ao mes e pouco máis, non mata a ninguén.

-¿Como canalizaron esas ganas de divertirse a través da música?

-O Tren da Unha naceu a partir dunha sociedade gastronómica na que había xente afín á música e a outras cousas. Piticas e máis eu o da música de taberna xa o levamos sempre con nós, dende que eramos mozos, con 18-19 anos. Xurdiu que o Concello quería facer un Carnaval e xuntámonos cos mozos que facían o Atalajazz que xa tiñan un grupo e así fixemos un grupo de música de taberna e roqueros. Agora eles xa non están, pero foron vindo outros rapaces novos. Para nós con sesenta e pico xuntarnos con mozos de trinta e poucos, estamos encantados. Pásase moi ben.

-Pero tómano en serio

-Iso si, as cousas hai que facelas ben, ensaiar, dar unha boa imaxe e vannos chamando así para sitios: San Fins, San Adrián, as Festas do Mar... Na Cabaña de Carballo tocamos unhas sete ou oito veces no ano.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Non sei se é de familia, pero o de axudar e divertirse sempre me tirou»