«O enduro é aínda unha modalidade de motociclismo moi descoñecida»

Dani Carracedo proclamouse recentemente gañador da categoría absoluta de enduro no campionato nacional de Portugal


Se o 2009 foi un bo ano para Daniel Carracedo (Laxe, 1989), o 2017 non se queda atrás. Despois dunha tempada manténdose constante nos torneos estatais de enduro, este ano decidiu probar sorte no campionato nacional portugués, acadando a vitoria hai só unhas semanas.

-No que vai de ano colleitou xa numerosos éxitos deportivos.

-Si, en outubro por exemplo disputamos a última proba do campionato nacional portugués, en Águeda, e finalmente gañei na categoría Élite 2 de enduro, en 250 cc. Durante o ano pois estiven participando na liga galega e tamén obtiven moi bos resultados nas probas, aínda que tiven un rival que se mantivo moi forte durante toda a competición. Andabamos os dous bastante reñidos a verdade!

-¿Como é o nivel en Portugal?

-En Portugal vin menos pilotos de nivel, pero, os que había, tiñan unha calidade altísima. Alí mesmo se presentan pilotos que compiten no europeo ou no mundial. No meu caso, por exemplo, dende o 2009 non volvín a presentarme aos mundiais. Creo que este campionato é bastante máis esixente ca o español, non só polo nivel, senón porque as carreiras son máis duras e longas.

-¿Repetirá para a próxima?

-Pois non o creo, será difícil que me volva a presentar e facer as probas todas porque é un gasto importante para o peto, como o son todas as competicións, e o meu traballo non mo permite. Só os gastos que se xeran en cada proba -entre rodas, posta a punto da moto, combustible ou desprazamentos- supoñen un mínimo de 500 euros. E iso sen contar a inversión inicial que hai que facer no vehículo.

-¿Como se pode compaxinar un traballo a tempo completo cunha afección que require de tanta dedicación?

-Pois dedicándolle sobre todo as fins de semana e un pouco das noites, unha vez que se me acaba a xornada. Este deporte é moi físico, polo que hai que manterse en boa forma: bicicleta, algo de ximnasio, saír a correr... En definitiva, hai que manterse activo en todo momento e saír ao monte a practicar coa moto, claro.

-Vivir disto entón, non é unha opción que vexa factible.

-Eu creo que cada vez é máis complicado, polo que vexo a diario entre os pilotos profesionais.

-¿Ten algún tipo de axuda económica?

-Si, colaboro con algúns patrocinadores que me axudan na medida do que van podendo. O problema é que o enduro é aínda unha modalidade de motociclismo moi descoñecida pola xente. Move moitos afeccionados, iso si, e que se implican moito nas competicións. Hai que ter en conta que en Galicia preséntanse de media 180 motos a cada proba que se disputan. De cara ao público xeral, pois é aínda moi descoñecido.

-¿Como se introduciu neste mundo do motociclismo?

-Na disciplina de enduro comecei cando tiña 16 anos, xa que ao haber tramos pola estrada esíxese un permiso de condución específico, pero antes xa participara en probas de motocrós.

-¿Como foi o cambio?

-Pois a verdade é que sempre tiven predilección polo enduro. Aquí en Galicia non hai moitos circuítos pechados nos que poder adestrar para competir en motocrós, pero montes, por fortuna, hai moitos e témolos ao lado da casa, polo que é moito máis accesible. Ademais, é un deporte que se presta moito a socializar, porque move tantos afeccionados que coñeces xente nova onde queira que vaias.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«O enduro é aínda unha modalidade de motociclismo moi descoñecida»