«Non hai que pensar no que falta, hai que mirar ata onde chegamos»

A empresa Arkaios, á que pertence a arqueóloga Carmen Álvarez, fai o mantemento da parte que escavou no castro de Castrelo


carballo / la voz

Aínda estes días continúan os traballos para eliminar a maleza na parte escavada no castro de Castrelo. O xacemento saíu á luz cando a construción da estrada de Baio a Soesto, en Laxe. A arqueóloga Carmen Álvarez pertence a empresa Arkaios, que fixo a escavación e que fai o mantemento. O venres dou unha conferencia dentro do programa Reláxese.

-¿Que é o máis interesante deste castro?

-O estado de conservación do camiño de acceso empedrado. Supoñemos que o resto do xacemento está na mesma situación, pero iso non o podemos saber. A superficie escavada son 1.440 metros cadrados, pero polas prospeccións estimamos que o castro ten 16.000 metros cadrados, o que non significa que estea todo construído porque dentro dos recintos protexidos había áreas de estabulación e cultivo.

-Non sinte que se está a perder moito se só coñece 1.440 metros cadrados dos 16.000 que pode ter ¿Resulta frustrante?

-Non, todo o contrario, se non fora por este tipo de escavacións de urxencia non coñeceriamos o que había. Non hai que pensar no que falta, hai que mirar ara onde chegamos. Castrelo era un descoñecido, non había máis que unha referencia. Pensabamos que a estrada pasaba polo lado e non por enriba, pero como estaba na área de protección escavouse. Debido á boa conservación dos restos a o castro adquiriu importancia. A idea era tapalo, pero debido ao seu interese non se fixo. As actuacións de urxencia derivadas de obras son agora mesmo as que permiten avanzar e descubrir cousas novas, porque a investigación per se non existe. Hai uns decenios había algunhas prospeccións das universidades, pero as novidades dos xacementos veñen agora a raíz de certo tipo de obras.

-¿Haberá que agardar que haxa outro proxecto, de ampliación da estrada?

-Xa non sería posible facer nada, porque o castro é agora moi importante, aínda que so estea escavada unha parte moi pequena. Quizá cando haxa diñeiro, que non ten por que vir todo da Xunta. Pode haber máis vías de financiamento. O acceso de Borneiro, por exemplo, fíxose con fondos europeos. A cuestión está en buscar e non deterse. Pero temos que pensar que o estudo de Borneiro comenzó nos anos 30. Temos que ser conscientes da dilatación no tempo. Tamén temos o caso de Dombate, que levou moitos anos. Temos que ser conscientes de que non hai diñeiro para investimentos fortes e que as cousas van lentas. O que hai que pensar é en qué se pode facer con 3.000 euros, facer campañas pequenas e vendo o interese do atopado, ir ampliando os estudos.

-¿Que lle parece a solución que lle deron os enxeñeiros ao trazado tras decidir que a parte escavada tiña que verse?

-Era una solución complexa se non se podía, por razóns que non coñezo nin me interesan, desviar a estrada por outro lado. Eu creo que foi a mellor das posibles sobre todo porque tamén modificouse a zona do camiño que queda mais alonxado pola parede de pedra. Pero o máis importante é que o xacemento sigue intacto e se cumpre co precepto da reversibilidade. Se pelexou nese sentido, para que a execución da obra non destruíse os restos e iso que había unha canalización de auga, pero a zona está como estaba. Cremos que o camiño empedrado pasa por embaixo na nave que hai cerca e aí si que non houbo ningún tipo de actuación.

-¿Todo se pode preservar ?

-Temos que preservar os xacementos, pero estamos aquí, hai unha xente que vive aquí que usa ese mesmo espazo. Non medio dun aeroporto non podes salvar una zona de restos. Hai que relativizar o grado de conservación co tipo de obra. O máis importante é a flexibilidade do proxecto. Está claro que unha pista para avións non podes facer unha curva.

-¿Como está agora o castro?

-Falta darlle unha última corta para levar o que brote. Había un ano que non se tocaba e había mesmo xestas e toxos. Se as limpezas foran más habituais lograriamos manter unha pradeira e sería máis doado. Ademais, poderiamos utilizar menos cantidade de herbicida nas estruturas e non sería preciso agardar a que secara a vexetación para poder retirala porque non se pode arrincar. Co mantemento continuado todo sería máis fácil.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non hai que pensar no que falta, hai que mirar ata onde chegamos»