O galego non manda na morte

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

LAXE

JOSE MANUEL CASAL

A maioría dos veciñois prefiren o castelán para todo o que ten que ver cos pasamentos

31 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Maripepa Rodríguez de Castiñeira (1895-1975). Magoada por longa enfermedade, acougou de Dios nos brazos, acadando nos seus pazos as raiolas de luz da eternidade. A súa dilatada familia, espallada polo mundo únese nesta pregaria: súa alma, pola voz de Dios unxida, concluirá santa, inmorredoira vida». Este é o texto dunha lápida situada no cemiterio de Nande, en Laxe, mandada colocar por Manuel Castiñeira, sacerdote, á morte de súa nai. Tres anos máis tarde, no 78, faría o mesmo coa do seu país, aínda que cun texto máis breve.

Seguramente que non son as primeiras lápidas en galego que hai nos máis de 200 cemiterios da bisbarra, pero sen dúbida son das primeiras. Castiñeira, falecido no 2008, e que foi o párroco da Estrada durante máis de 40 anos, tomara esa decisión que tanto chamara a atención na súa parroquia, tanto entre os veciños como entre os irmáns (eran 12) segundo el relataba nunha entrevista na Voz no 2004. A segunda lápida xa a mercou directamente na Estrada, e a parella descansa xunta cerca do lugar de Rens, no que viviron dende que se casaron en 1913.

O caso de Castiñeira é dos pioneiros, pero curiosamente segue sendo unha excepción, malia ao tempo que pasou. En case todos os cemiterios hai algunha lápida ou panteón en galego. En San Cremenzo de Pazos hai dous panteóns. En Vilar de Zas, un. En Salto, varias; Cospindo, seis; Cee, Carballo... A lingua non se escolle, de momento, para a morte entre os que a falaron toda a vida.

Promoción da lingua nos actos fúnebres, pero sen moito efecto

Non será por intentalo. Hai dous anos, a Fundación Pondal organizou un acto en Ponteceso para promocionar o uso do galego nos actos fúnebres. Participaron empresarios do sector (Manuel Pombo, de Pompas Fúnebres, e Iván Amarelle, de San Antonio) e o teólogo, latinista e académico Xesús Ferro Ruibal, nun acto denominado Galego para sempre. Dous anos antes o goberno carballés organizaba un acto similar, repetindo o que xa realizaran no 2012, e baixo a denominación de Galeg@s para sempre, firmando os asistentes unha declaración para que se usase o galego ao lembrados. E en Salto-Vimianzo houbo este sábado un acto do mesmo tipo no camposanto.

Un 10 % das peticións, ou se cadra menos

Conta Carlos Rodríguez, da funeraria Costa de Baio, que son moi poucos os veciños que lle piden que se use o galego en todo o que ten que ver coa morte: recordatorios, coroas, ramos, esquelas... Os marmoristas están na mesma liña. Cre que «de dez, pode haber un en galego». Eduardo Ramilo, da Milagrosa, vai máis aló: «Igual unha de vinte». Iván Amarelle, de san Antonio, explica que o idioma maioritario é o castelán. «Nós temos todas as opcións en galego, e de vez en cando algún elíxeo, xente nova, sobre todo». Nin primeiras nin segunda xeracións, xa vai máis cara as terceiras. Carlos cree que se debe ao costume, á tradición, a que hai moita xente de certa idade que non domina o galego normativo e está máis afeita a ler en castelán, as noticias ou os libros. «Eu xa case non me lembro da última vez que mo pediron en galego, hai meses», indica.

Ramilo Cancela opina o mesmo, a xente máis maior non está afeita e prefire manter o de sempre. «Os que queren todo en galego son xeralmente máis novos, e xa o piden directamente, sen que nós llo teñamos que ofrecer», asegura.