Unha vela no Anllóns. Promesa cumprida

anxo angueira

LAXE

Jose Manuel Casal

A dorna «A Roxiña» chegou á casa de Pondal como homenaxe no seu centenario

06 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo estaba preparado para o día 25 de maio, o día da Ascensión, porque había unha das mellores mareas do ano e a predición de tempo e sobre todo vento era favorábel.

E chegou o día, un día ben caloroso e cheo de luz. Arrincamos desde Manselle dicíndolle de lonxe adeus á ría de Arousa, ó Ulla e á terra de Iria, á terra de Rosalía de Castro, para irmos á terra de Bergantiños, á terra de Pondal, ó río Anllóns para cumprir unha promesa: a de chegar ó pé da casa do bo bergantiñán coa nosa dorna en homenaxe polo seu centenario.

Chegamos coa Roxiña ó porto de Cabana a unha hora moi prudente, de mediodía, pensando en que a preamar estaba nos calendarios das mareas na ría de Laxe para as cinco da tarde. Atopamos o esteiro do Anllóns seco á aquela hora da mañá e as areas do Monte Branco, o promontorio aquel areoso e vougo, baixaban pola barra e estendíanse por toda a enseada amostrando unha paisaxe formidábel na baixa: os ínferos desertos.

Varios grupos de mariscadoras andaban no trafego, supuxemos que de ameixa ou berberecho, a punto de recolleren xa os seus apeiros.

Pero non era posible. O varadoiro do porto de Cabana era para nós impracticábel. Excesivamente costento e demasiado afastado dunha posible liña de flotación.

Daquela decidímonos pola outra opción: iriamos á praia da Ourixeira. Alá chegamos coa dorna no carro. E efectivamente era moito máis doado botala desde alí ó mar. Así que aproximamos o carro á area, baixámo-la Roxiña e deixámola varada, coas escoras postas e o risón botado, á espera de que a marea subira.

Mentres, unha visita ás vistas desde o Monte Branco, á praia de Balarés e un xantar rápido en Ponteceso.

A corrente da marea

Estábamos a bordo pouco despois das tres da tarde. Non había case ningún vento, pero a corrente da marea, alí ó pé da praia algo arremuiñada, tiña que facer a súa forza para levarnos. Armamos a vela por meo (estribor) á espera de vento, que, coma se estivese agardando, comezou a soprar maino de suroeste.

Foi unha travesía inesquecible. Primeiro, que prácida ría!, que múltiple gama de verde nas augas!, as ribeiras areosas da barra..., un paraíso por coñecer!

A navegación era tan gustosa e limpa que mal nos puidemos acordar da escena descrita por Pondal, máis brava e que tanto admiramos: «De bolina, tesa a escota / que os ventos subiar fan, / o courel debaixo da auga..., / que gusto vela avanzar!».

O día agrisara e algún mariñeiro de robaliza había que sorprendido de ve-la vela no Anllóns nos acenaba coa man e nos advertía de non ir próximos á terra do bico e de dar ben a volta por onda o Pozo dos Caldeiros.

Foi alí onde fixemos trasluchada para pór a vela por couse (babor). O vento seguía firme e lene no suroeste cando enfilamos o Anllóns adentro, beirado de tarais no paseo do malecón. A paisaxe de braña, canas e xunco devolveunos por un momento ó noso río da vida nesta nova ascensión.

Cando avistamos a casa de Pondal comezou un inquietante barullo de tronos. Achegábase o torbón. No medio daquela tarde xa escura alumeada por negros lóstregos arribamos ó destino. Choveu unha chuvia morna que nos refrescou as emocións. Pensamos que un día haberá máis embarcacións cá Roxiña fronte á casa de Pondal e alí, diante da súa estatua, acompasadas ó son da Antiga Marcha de Galicia, todas drizarán as súas velas en formación para renderlle homenaxe ó gran poeta.

Unha experiencia única

A nosa promesa estaba cumprida. Pero iso non era o máis importante. O vento quedárase e aínda vogamos da Ponte cara as Pesqueiras querendo prolongar unha experiencia única. Fora tan fermoso!

Belén, Rocío, Lois e Amaro... todos concordamos. Tanto os que navegamos coma os amigos que nos axudaron na intendencia tiñamos unha cousa clara e un unánime desexo: volveremos.

«A paisaxe de braña, canas e xunco devolveunos ao noso río da vida nesta ascensión»