«O didáctico, de festa, funciona»

Nacido en Baio e afincado en Laxe, anda a cabalo dos Premios Fouciño e as festas laxenses


carballo / la voz

Víctor Mira, nacido en Baio no 1984, pero por circunstancias agora máis afincado en Laxe, xa anda inmerso na segunda edición dos Premios Fouciño do Audiovisual, promovidos pola asociación Adro. Serán na segunda fin de semana de xullo, mais o prazo para enviar traballos xa está aberto, e estarao ata o 30 de xuño.

-Naceron os premios para conmemorar o 20.º aniversario da estrea de «Fouciño sanguento», mais parece que a idea é quedar.

-Pois si, esa foi a escusa inicial, pero agora seguiremos. Intentaremos medrar cada ano. Na primeira edición quedamos sorprendidos pola acollida e o éxito, e iso que estabamos algo verdes na organización. A xente que asistiu ou escoitou dos Premios fixo comentarios positivos e ademais chegáronnos vinte traballos, entre as dúas categorías. Este ano xa houbo quen nos preguntou por eles antes de que convocásemos a segunda edición, así que como xa se coñecen máis, esperamos superar esa cifra. Pero nunca se pode dicir, non vai ser... [ri].

-Unha das novidades é o cambio de datas. ¿Por que se fixo así?

-As fins de semana, chegado certo momento, van estar sempre ocupadas por actividades noutros lugares. Por exemplo, neste caso, as Festiletras, que para nada son competencia, senón complementarias. Tamén se fixo por ter algo máis de tempo para a organización e, a maiores, porque unha das categorías na que máis incidimos é a de centros educativos, e como os rapaces de segundo de bacharelato andan cos exames... Preferimos atrasar un pouco a data do festival. Cadra, ademais, xusto na previa de San Cristovo de Baio, polo que pillaremos á xente da localidade con ganas de festa.

-Porque os Premios Fouciño son proxeccións, pero tamén actividades complementarias, e festa.

-Si, son unha celebración do que significa o audiovisual. É divulgación e didáctico, se así se pode dicir, todo nun ambiente de festa, que se leva mellor. O didáctivo, de festa, funciona.

-Precisamente o ano pasado fixeron unha grande tarefa divulgativa nos centros escolares. ¿Repetirano para esta edición?

-O esforzo nunca se pode deixar e si é verdade que nalgúns sitios xa nos coñecen e espérannos. Esa experiencia do principio xa a teñen, pero sempre se pode dar algunha clave máis. Nunca está todo aprendido, aínda que temos a sensación de que xa se iniciaron e agora só temos que guialos polo camiño.

-Fala de dúas categorías para estes premios. ¿Cales son?

-Hai unha aberta a todo aquel que queira participar e outra de centros educativos. Han de ser curtametraxes gravadas ou subtituladas en galego, que non superen os 5 minutos, de temática libre. Temos estipulado nas bases que non poden ter sido premiadas noutros festivais, como se fai tamén en moitos encontros así, porque o que se trata é de repartir un pouco entre todos. Hai festivais que incluso establecen unha data de realización para os traballos, para que as ideas se renoven, pero no noso caso pois xa non é así.

-¿Sábese xa quen será o xurado?

-En principio aínda non se pode revelar. Temos contactos e tal... O ano pasado houbo representación do instituto de Baio, do Concello e tamén os padriños do festival, Jorge Coira e Araceli Gonda. Iremos nesa mesma liña.

-Vostede estudou Comunicación Audiovisual en Santiago e rexenta dende hai anos un bar en Laxe. Comunicación tamén é.

-Si, é verdade. Para rematar a carreira aínda me faltan unhas materias, pero os bares sempre me levaron moita idea [ri]. Empecei a traballar neles xa naquel verán no que fixen selectividade, e despois seguín no mundo da hostalería. O Escaravello abría só no verán, pero foi hai catro anos cando eu e máis o meu socio decidimos abrilo permanentemente. Estiven na Ventana, no Áncora... Metinme moito nisto. Tamén é verdade que o mundo laboral no audiovisual xa se sabe como está, por máis que todos os negocios teñan o seu. Ser un autónomo...

-¿Seguirá sendo tamén membro da comisión de festas de Laxe?

-Si, en principio seguimos todos coma o ano pasado, aínda que poida haxa algún pequeno cambio. Xa en Semana Santa fixemos unha festiña e agora estamos elixindo orquestras de cara ao verán. Non sabemos se será o último ano ou non. A veces non compensa o agradecemento de moita xente co pouco agradecido que é por outra parte. Hai cousas que queiman, xa sabes que tiveramos aí un pequeniño problema [refírese a que un empresario reclamou á comisión, publicamente, unha débeda pola bebida das últimas festas].

-¿Solucionouse aquilo?

-Non tiñamos discrepancia ningunha con el. Pactamos unha data límite de pago de débeda e listo. O único que cambiou foi que se fixo público dun xeito brusco.

-¿Como levan na comisión os requisitos que hai agora nas festas?

-Cando collemos a comisión estabamos un pouco perdidos nese sentido, non só por ser novatos, senón porque nos coincidiu con todo o lío do cambio. Pero temos a sorte de que desde o Concello nos botan unha man e nos guían cos trámites. Por sorte, desde que empezamos, poucas cousas cambiaron: SGAE, seguros, informes...

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O didáctico, de festa, funciona»