Os profesores abren hoxe en Cabana o programa «Dombate Primavera de Poesía»

La Voz

LAXE

Santi M. Amil

Ana Carreira, de Ubú Teatro, presentaralles o espectáculo «A galiña azul»

19 abr 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Medio cento de profesores daranse cita esta tarde en Cabana para participar na primeira xornada do ciclo Dombate Primavera de Poesía. Será esta a sesión inaugural dunha actividade organizada de xeito conxunto polo Concello cabanés e a editorial Galaxia -co apoio da Deputación da Coruña e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitario- e que tamén inclúe un apartado dirixido aos escolares.

O recinto do dolmen cabanés, que rexistrou un elevado número de visitantes durante a pasada Semana Santa, volverá así a encherse de vida en vésperas da celebración do Día Europeo da Cultura Megalítica, que se conmemorará o próximo día 30.

As Xornadas do Profesorado botarán a andar ás 18.30 horas cunha lembranza teatral de Carlos Casares, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. A compañía Ubú Teatro, que dirixe Ana Carreira, poñerá en escena unha adaptación do seu conto A galiña azul.

As actividades proseguirán mañá cun itinerario por Laxe guiado por Miro Villar seguindo as pegadas do poeta Antón Zapata, e o mércores e o xoves da próxima semana coa participación, respectivamente, de Manuel Ferreiro e de Yolanda Castaño e Bieito Romero. Todas as sesións serán presentadas pola escritora ceense María Canosa.

Obradoiros escolares

Mañá, ademais, comezarán os obradoiros escolares deste Dombate Primavera da Poesía, no que ao longo de cinco xornadas participarán 250 alumnos do municipio. Xoán Carlos Domínguez farase cargo da primeira sesión, dirixida aos estudantes de quinto e sexto de primaria. Dará comezo ás 10 horas. O venres a cita será con María Canosa, o luns próximo, con María Lires, e o martes e o mércores, con Paula Carballeira.