«Resulta espectacular ver unha ave rapaz diante túa pescando»

v. couto / Á. palmou

LAXE

Baldaio, O Allóns, Traba e Fervenza son algúns dos lugares nos que hoxe se fará o censo de aguias peixeiras

14 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Varios dos humidais da Costa da Morte figuran no listado de lugares que os especialistas recrutados pola Sociedade Galega de Ornitoloxía visitarán esta mañá con motivo da elaboración do censo ibérico de aguia peixeira. Diego Rodríguez Vieites é o coordinador da campaña nas provincias da Coruña e Lugo.

-¿Que se vai facer?

-A sondaxe da aguia peixeira non é outra cousa que intentar facer a nivel ibérico, tanto en todas as comunidades autónomas do Estado como do veciño Portugal, unha especie de radiografía da especie nun día concreto. O que se vai tentar é cubrir todas as zonas húmidas e encoros onde se sabe que está a especie invernando e saber o número que hai. É unha información valiosísima para saber cantas aguias peixeiras invernan na Costa da Morte, na provincia da Coruña, en Galicia, en España e en toda a Península Ibérica.

-¿Que importancia teñen este tipo de censos?

-É importante porque moitas veces podemos facer suposicións e dicir ‘pensamos que hai tantas’, pero este tipo de actividades dan unha información obxectiva sobre cantas son e cando. É importante o feito de saír todos o mesmo día porque as aves voan e entón se se fixese en días distintos en cada sitio e unha ave se movese de ubicación podería aparecer repetida. Os ornitólogos tentamos sempre que non se nos repitan as aves contadas.

-¿Como se puxo en marcha esta iniciativa?

-A nivel ibérico organízao a Fundación Migres, que traballa moito en Andalucía, incluso nun programa de reintrodución da especie, e que foi contactando en cada sitio coa entidade ornitolóxica e referencia, que no caso de Galicia é a Sociedade Galega de Ornitoloxía, e puxémonos mans á obra a finais de novembro e comezos de decembro para preparalo. Fíxemos unha proposta para a xente se animarse a participar e a verdade é que a resposta foi moi boa e cubrimos todas as zonas que nos interesaban.

-¿É moi frecuente ver en Galicia aguias peixeiras?

-É unha especie que adoita pasar o inverno en distintas zonas húmidas, como as rías de Ribadeo, Foz e Ortigueira, esteiros de ríos, como os do Tambre ou o Miño, e mesmo encoros interiores, como o de Castrelo de Miño. Non é moi doada de ver pero se te moves un pouco no mundo da ornitoloxía en Galicia, indo aos sitios axeitados é fácil atopala e resulta espectacular ver un ave rapaz diante túa pescando peixes que non son pequenos.

-¿Que lugares da zona visitarán hoxe?

-A idea que temos é visitar e facer censos en distintos puntos onde non se ve habitualmente, como por exemplo a zona húmida de Baldaio, onde hai poucas citas da especie e resulta interesante ver se atopamos algunha. Tamén iremos á lagoa de Traba, en Laxe, e ao esteiro do Anllóns, de Ponteceso, onde habitualmente se pode ver algunha, e un pouco máis ao sur, estaremos no encoro da Fervenza e na lagoa de Louro, así que a zona vai estar bastante controlada así que a ver se nos saen catro ou cinco aguias.