«Temos experiencia, equipo e un candidato formado»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

LAXE

j. m. casal

Unha das cuestións que máis lle preocupan á edila laxense é a perda da calidade na educación. Vai de número 4 na lista do PSOE, o cal di que é un orgullo e unha responsabilidade

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

María Dolores Toja naceu en Londres no ano 72. Debía ter dous cando veu para Laxe, onde é edila e tenente de alcalde. A maiores, vai de número 4 na lista do PSOE de cara ao 25-S. É para ela a primeira vez, algo que acolle «cunha gran responsabilidade» e tamén «cun gran orgullo», porque sente que ten a oportunidade de devolverlle ao partido o que para ela representa. Di que ademais de economista, é filla de mariñeiros, e que se puido estudar esa carreira foi grazas a que «tiven a oportunidade de estudar coas becas de Felipe González».

-¿Que aporta o PSOE?

-É un partido que ten máis de cen anos, que goberna en tres deputacións e en moitos concellos de Galicia. Temos experiencia, temos equipo e ademais un candidato formado e con experiencia.

-¿Que é o que máis lle preocupa hoxe?

-Son nai de dous fillos e vexo as consecuencias dos recortes na educación. Perdeuse calidade [alude tamén á falta de estabilidade], e iso é o que máis preocupa. Tamén a sanidade. Eu son desas nais que tivo que elixir a que fillo vacinaba dos dous.

-¿Que querería que pasase o 25-S?

-Que se puidese ter a oportunidade de liderar a través do PSOE esa alternativa que se está demandando, un cambio. Catro anos máis así derivarán nunha fenda enorme entre a sociedade, que cada vez haxa máis direrenzas, e mesmo que sexa irreversible.

-Vai de número 4... ¿Deixaría Laxe?

-Non me plantexo deixar Laxe, para nada. Son concelleira e tenente de alcalde. Teño un compromiso asumido por catro canos cos cidadáns, cos meus veciños.

Cuestionario

1. ¿Que proposta ten con respecto á autovía? A autovía foi promovida polo PSOE e está sen acabar. Non chega á metade dos Concellos da Costa da Morte e non podemos esperar a outras eleccións para que nos fagan cinco quilómetros máis. A maiores, hai que mellorar as comunicacións con Santiago.

2. ¿E sobre o parque do megalitismo? É algo importante e identitario, que hai que protexer. Pero non se pode quedar só nun plan, senón que ten que vir acompañado dun programa posterior conxunto de promoción.

3. ¿Que habería que facer na pesca? Hai que mollarse coas cotas. Neste tema houbo moita falta de vontade política. Creo tamén que as axudas están pensadas agora para que cese a actividade, cando habería que pensalas para renovar a flota que hai.

4. ¿E con respecto ao agro e ao despoboamento do rural? Temos un problema moi serio de despoboamento. Os gandeiros precisan que se mire en serio por este tema e, dado o problema de minifundismo que hai, vexo precisa unha reforma agraria. As axudas, de novo aquí tamén, están pensadas para o cese, e non para e mellora da produtividade ou da eficiencia.