O talento dos máis pequenos ten recompensa no Couto

P. BLANCO / Á. PALMOU

LAXE

<span lang= gl >Certame Xosé Neira Vilas</span>. As Festiletras acolleron o primeiro certame de teatro infantil dedicado ao autor dezán.
Certame Xosé Neira Vilas. As Festiletras acolleron o primeiro certame de teatro infantil dedicado ao autor dezán. ana garcía< / span>

Ao premio de poesía infantil creado hai dous anos sumouse onte o certame de teatro Xosé Neira Vilas

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os máis cativos están sempre presentes no traballo da Fundación Eduardo Pondal. Neles centra boa parte dun labor que mira ao futuro e que na xornada de onte das Festiletras puxo o foco no talento infantil a través de dous certames. O primeiro, o de poesía Eduardo Pondal, vai xa pola súa terceira edición, mentres que o segundo, o de teatro Xosé Neira Vilas fixo onte a súa estrea. En ambos casos, cun afán non competitivo, senón co obxectivo de animar aos pequenos e dar renda solta a súa creatividade.

Así o fixeron os 40 rapaces reconvertidos en poetas que, pola mañá, recibiron os seus diplomas e agasallos de dous destacadas representadas das letras da Costa da Morte, Diana Varela e Concha Blanco. Xunto a eles estiveron tamén os rapaces de sexto do colexio baiés Labarta Pose para animar o acto cunha peza teatral.

Pola tarde, o talento infantil serviu de canle para homenaxear a un vello amigo do Couto tristemente falecido hai medio ano, pero moi presente na lembranza dos veciños e da Fundación Pondal, Xosé Neira Vilas. Os rapaces das escolas de teatro de Ponteceso, Malpica, Cabana e Laxe rendéronlle homenaxe facendo realidade un dos seus desexos.

«Unha das súas máximas ilusións era que os nenos fixeran teatro», explicou, agradecido pola creación deste premio, Luis Reimóndez, novo presidente da fundación Neira Vilas. Neste caso, o alcalde pontecesán, Lois García Carballido, tivo a axuda do seu homólogo malpicán, Eduardo Parga, e de dous representantes de Cabana e Laxe para facer entrega aos nenos dos diplomas deseñados para a ocasión polo ilustrador Xosé Vizoso, presente tamén no acto e que compartiu cos rapaces algunhas das súas técnicas para facer caricaturas.

Música e contos

Pero, aínda sendo os nenos os protagonistas non foron os únicos destinatarios da xornada das Festiletras. Os maiores gozaron na Taberna Agra de Mares da música Tino Baz e na Casa dos Veciños dos divertidos contos de Quico Cadaval, que se encargou de pechar a xornada.