«Algunhas das miñas cancións xa lle pertencen ao público»

O artista celebra esta noite en Laxe os 40 anos do seu mítico disco «Ahí ven o maio»


A súa faceta de médico fixo que a música quedase nun segundo plano durante moitos anos e que na súa discografía apenas aparezan media ducia de traballos. Pero o primeiro deles deixou para a memoria musical e sentimental de milleiros de galegos xoias como Ahí ven o maio -tema que ademais lle dá nome-, Quen poidera namorala ou A Rosalía. Agora, Luis Emilio Batallán (Santiago, 1948), recupera o tempo perdido con dous discos en só dous anos -Había que chegar, xa publicado, e un novo que será editado o próximo ano-, pero tamén ten tempo para celebrar o 40º. aniversario daquel fito musical. Hoxe farao en A Ventana de Laxe (23.30) cun concerto acústico.

-¿Que repertorio vai interpretar esta noite?

-Tocarei temas de Ahí ven o maio, pero tamén de Ballet da nena e de Había que chegar, o libro disco que fixen con Galaxia.

-¿Que queda daquela fulgurante estrea de hai 40 anos?

-A min o éxito que tivera Ahí ven o maio sorprendeume moito porque hai que ter en conta que para un disco en galego vender 500.000 exemplares era unha barbaridade. É un disco que ao cabo do tempo todo o mundo recoñece e a min gústame iso, pero eu graveino e pasei anos sen escoitalo porque aos artistas sempre nos gusta facer cousas distintas. De xeito despois de varios anos ofrecéronme facer unha cousa similar, pero dixen que non, que me apetecía facer outro tipo de cousas.

-No novo disco que está a preparar hai mesmo reguetón.

-Si, pero o reguetón é só un dos 14 temas do disco; ademais é o único que canto en galego, que se chama Deleite.

-¿Non ten medo a que os fans de «Ahí ven o maio» se leven as mans á cabeza?

-Non, porque eu fago o que quero [ri]. Gústame tocar todo tipo de estilos (bachatas, baladas...), as cousas que me van saíndo porque os artistas somos así. Quero facer as cousas que me gustan; logo, se ten éxito ou non é algo que me trae un pouco sen coidado.

-¿Ten a sensación de que aquelas cancións xa non lle pertencen tras ser versionadas por moitos artistas e cantadas por tanta xente?

-Si, si, de feito algunhas desas cancións xa nos as canto eu, cántaas o público, xa lle pertencen a eles. Pero cando unha canción triunfa así é unha grandeza. Cando as cancións son boas non hai quen as pare e mesmo aínda que pase o tempo sempre están aí. O complicado é facer cancións que sexan boas hoxe e que sexan boas dentro de 30 anos, pero iso é o que creo que ten Ahí ven o maio, ese é o segredo do seu éxito.

-¿Como compositor nunca tivo a tentación de repetir fórmulas pasadas para tratar de reeditar un éxito?

-Non, a min gústame cambiar. De feito no novo disco canto en castelán, que xa é un cambio enorme, e fago colaboracións con Serrat ou Sabina, co cal xa non ten nada que ver cos anteriores. O castelán é un idioma que para o meu estilo sempre me resultou incómodo, sempre preferín o galego e o brasileiro e o inglés, pero neste disco fixemos un traballo importante e estou contento co resultado.

-¿Como foi colaborar con Joan Manuel Serrat, Joaquín Sabina ou Pablo Milanés?

-Foi doado porque xa nos coñecemos desde hai anos e somos amigos. O único difícil foi gravar con Sabina porque sempre está moi liado, pero con Serrat e Milanés foi máis doado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

«Algunhas das miñas cancións xa lle pertencen ao público»