«Foi todo un mérito manter os cinco edís cun novo candidato»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

LAXE

O rexedor laxense, José Manuel Mouzo Castiñeira, posa xunto ao paseo marítimo do casco urbano.
O rexedor laxense, José Manuel Mouzo Castiñeira, posa xunto ao paseo marítimo do casco urbano. José Manuel Casal

Espera que o BNG entre no goberno «aínda que non hai nada pechado»

16 may 2021 . Actualizado a las 10:17 h.

O socialista José Manuel Mouzo Castiñeira ten 48 anos. É profesional do transporte de autobuses. Entrou en política no ano 1983 da man do exmandatario laxense Antón Carracedo Sacedón, que por aquel entón incorporábase á extinta Esquerda Galega. En 1999 Mouzo Castiñeira entrou no PSOE. Levaba oito anos como concelleiro. Agora ten a responsabilidade de dirixir o Concello de Laxe polos vindeiros catro anos. Aínda que non se sabe se en minoría ou coa entrada do BNG no futuro goberno.

-Nótase que ten moita química con Antón Carracedo.

-¿Por que o di?

-No pleno de investidura percibíase unha emoción contida entre os dous.

-É certo, para ámbolos dous era un momento importante.

-¿Pódese dicir que foi o seu pai político?

-Sen dúbida. Foi, é e será un referente para mín. Todo o que sei de política débollo a el. E si, foi como un pai para min e é un amigo dos de verdade.

-¿Deulle algunha recomendación agora que é vostede o alcalde?

-Si, que teña moita cabeza, que trate a todos os veciños por igual e, sobre todo, que teña os pes no chan.

-¿Como afronta esta nova etapa?

-Con moitísima ilusión pero tamén con moita responsabilidade. Para min é un orgullo poder ser alcalde de Laxe.

-¿Como valora os resultados do 24 de maio?

-De forma positiva. Foi un mérito que o PSOE manteña os cinco edís dadas as circunstancias.

-¿Que circunstancias?

-Marchou Carracedo, que era unha persoa capaz de sumar de por si moitos votos. Chegaba eu, que non deixaba de ser un concelleiro. E, sobre todo, que levaba un equipo de traballo novo. Era un risco manter o número de concelleiros e mantivémolo.

-¿Pensou nalgún momento en que o Partido Socialista podería perder representación no salón de plenos?

-Si, ao principio de campaña pensei que quedariamos en catro concelleiros. Logo, co paso dos días, empecei a ser máis optimista porque a xente transmitíanos o seu apoio.