«A 'Historia de Galicia' de Ramón Marcote é única»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Un intre da homenaxe, este sábado, a Ramón Marcote, en Fisterra
Un intre da homenaxe, este sábado, a Ramón Marcote, en Fisterra Basilio Bello

Cálida acollida no mercado cultural de Fisterra á edición facsimilar da obra de Ramón Marcote, unha xornada que tamén foi clara homenaxe a el

30 may 2026 . Actualizado a las 19:17 h.

«O pobo de Fisterra volveu demostrar unha vez máis que sabe estar á altura». Así iniciou Modesto Fraga, escritor e impulsor da Biblioteca da Fisterranía, a súa intervención este sábado. Pronunciou estas palabras ao ver o ateigado mercado cultural, pleno de asistencia para presenciar algo que foi moito máis que a presentación dunha edición facsimilar da obra Historia de Galicia. Compendio, publicada hai un século en La Habana (1925) e da autoría do fisterrán de Sardiñeiro Ramón Marcote (1880-1955). «Non é a presentación dun libro calquera, senón un día histórico para a fisterranía, para a Costa da Morte e Galicia. Tamén a Galicia de alén mar, a que confirman milleiros de galegos que un día emigraron como o fixo Ramón Marcote no ano 1898», incidiu o escritor.

Basilio Bello

Unha xornada de «cultura, memoria e o valor de conservar aquilo que forma parte da nosa identidade colectiva como pobo», tal cal dixera Susana Rodríguez, edila de Cultura, na benvida ao encontro. Raíces, legado, recuperación e protección do patrimonio, proxección a novas xeracións, para que siga xerando coñecemento. De todo iso se falou ao fío dunha obra «que axuda a comprender un pouco mellor quen somos» e sabendo que o encontro no mercado, impulsado dende Concello e Biblioteca da Fisterranía, era no seu conxunto unha homenaxe, unha débeda saldada cun dos intelectuais máis destacados da cultura galega. É moita a obra de Marcote e moito o que lle debe Galicia —como xa teñen reivindicado voces como as de Luís Lamela ou Miro Villar—, sen ir máis lonxe esta Historia de Galicia. Compendio que «é única, a única que se publica fóra de Galicia e dirixida á xuventude, porque el quería que os rapaces coñecesen a historia da súa terra», expuxo Modesto. A edición facsimilar foi posible, por certo, a partir dun exemplar que atesouraba Roberto Traba Velay.

Basilio Bello

Sendo Marcote un dos meirandes divulgadores da tese de Colón galego, non podía falar en Fisterra Eduardo Esteban Meruéndano, presidente da Asociación Colón Galego. Tampouco a familia, representada na mesa por Rocío Marcote. Nin o rexedor, Luís Insua, nin o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, institucións as dúas implicadas na publicación da obra. As gaitas de Os Sib do Solpor, sen que faltase o Himno, acompasaron o encontro.