Fisterra saldará este sábado unha débeda con Ramón Marcote

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Ramón Marcote, nunha postal enviada á súa nai no ano 1919
Ramón Marcote, nunha postal enviada á súa nai no ano 1919 .

Para as 12.00 horas, no mercado cultural, esta prevista a presentación da edición facsimilar de «Historia de Galicia. Compendio»

30 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • 12.00 horas • Mercado cultural • As historias publicadas de Galicia teñen en Historia de Galicia. Compendio unha absoluta referencia. Obra de Ramón Marcote Miñarzo (Sardiñeiro, Fisterra, 1880) e publicada orixinariamente en La Habana, Cuba, no 1925, o que se presentará hoxe é unha edición facsimilar que tamén conmemora este centenario. «Un acto cultural histórico para a vila», traslada Modesto Fraga, escritor e sostén da Biblioteca da Fisterranía. É conxuntamente con esta que o Concello promove este acto e recuperación de obra que vén a «saldar unha débeda cun autor inxustamente esquecido pola historiografía literaria».

O encontro será ás 12.00 horas, no mercado cultural, e nel, ademais do propio Fraga e do alcalde, Luís Insua, intervirán o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da Asociación Colón Galego, Eduardo Esteban; ou a edila de Cultura, Susana Rodríguez. O acceso será libre e gratuíto, e todos os asistentes levarán de agasallo un exemplar da edición que hoxe se presenta.

Marcote Miñarzo naceu no seo dunha familia de labregos e emigrou a Cuba cumpridos os 18 anos. Durante case cincuenta, e ata a súa morte, foi bibliotecario do Ilustre Centro Gallego de La Habana. Participou da fundación da RAG, foi amigo persoal de Curros, grande activista cultural, autor de numerosos artigos e un dos meirandes divulgadores da tese de Colón Galego. Dende a Biblioteca da Fisterranía agradecen as facilidades que deu a familia e o apoio de Cultura (Xunta) e o Concello.