Presentación en Madrid e unha segunda edición: dúas felices novas para Branca Vilela

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

Branca Vilela, de vermello, na presentación desta obra en Fisterra, xullo do 2025
Branca Vilela, de vermello, na presentación desta obra en Fisterra, xullo do 2025 ANA GARCIA

A escritora fisterrá presentará «Ultreia no Camiño Inglés: a misión do Ara Solis» na Casa de Galicia, o 28

23 abr 2026 . Actualizado a las 17:11 h.

Alá polos meses centrais do verán 2025, a escritora Branca Vilela presentaba na súa terra, Fisterra, a novela xuvenil Ultreia no Camiño Inglés: a misión do Ara Solis. Dela falaba por aquel entón en La Voz de Carballo, e sen pasar nin un ano, chega a segunda edición da obra. É unha das felices novas para Vilela, mais hai outra: a presentación do libro na Casa de Galicia en Madrid, este vindeiro martes 28 de abril, ás 19.30 horas. Alí estará a autora, mais tamén Luís E. Ramos, directora da Casa de Galicia en Madrid; Raquel Delgado López, directora adxunta do Grupo Editorial Sial Pigmalión, e Vicente Araguas, profesor, escritor, poeta e crítico literario. Unha cita á que acudir, se pode, neste mes do libro que é abril. 

«Quería escribir unha novela que tivese moito contido, quería que os novos lectores soubesen das nosas lendas, das nosas historias, como se formou e por que é tan importante o Camiño. Cando vivía en Sardiñeiro pasaban pola porta da casa moitos peregrinos, os meus fillos conversaban con eles, aquilo impactoume, e de aí veu esta inquedanza. Temos na Costa da Morte un patrimonio inmaterial que é o que hai que dar a coñecer. Non esquecer que nos pasou. Tamén na obra está a importancia dos avós, das avoas...», ten explicado a autora sobre Ultreia no Camiño Inglés: a misión do Ara Solis. A amizade, a ecoloxía, a esperanza, o ser diferente: tamén todo iso está na obra.