«Calquera decisión que acordes, 'finis terrae' será onde debes comezar, unha e outra vez»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

FISTERRA

Paddy Bushe, á dereita, nun momento do acto
Paddy Bushe, á dereita, nun momento do acto BASILIO BELLO

O poeta irlandés Paddy Bushe tomou o relevo de Marilar Aleixandre como padriño do cuarto Marea Viva do Bela Fisterra. No acto, poetas e músicos, entre eles o propio Carlos Núñez 

12 abr 2026 . Actualizado a las 15:05 h.

O «bardo» Paddy Bushe xa é posuidor do «facho» de Marea Viva. Esas dúas, bardo e facho, foron palabras pronunciadas por Marilar Aleixandre á hora de cederlle a testemuña ao poeta irlandés como padriño e habitante dese cuarto tan especial do primeiro hotel literario de Galicia, o Bela Fisterra, dedicado ás grandes obras do mar. Marea Viva é unha habitación mutante que nutren co seu maxín os autores que a habitan, ata o momento Yolanda Castaño, Juan Carlos Mestre e a propia Marilar. Súmase a eles agora Paddy, para Aleixandre «o mareante que non precisa compás».

Foi a mañá deste sábado «un luxo» no Bela, «rodeados de arte polos catro costados», dixo o «armadanzas» do hotel e de todo este encontro, Pepe Formoso. Unha ampla representación de poetas da Costa da Morte e de músicos, dende Os Sib do Solpor ao mesmísimo Carlos Núñez, acompañaron este traspaso de apadriñamento que tamén permitiu gozar en inglés, en gaélico e en galego, de Bela Fisterra, o poema que Paddy «macerou» logo dunha visita anterior á Costa da Morte, polo 2025, e a partir duns haikus que daquela escribira. Antonio de Toro, amigo de Bushe e responsable das súas incursións na Costa da Morte, xunto con David Clark, do Instituto Universitario Amergin, fiaron unha velada intensa de «celtismo» que rematou co visionado dese Bela Fisterra en formato videopoema, un traballo de Juan Lesta

Poetas e músicos, no Bela Fisterra. Á esquerda da imaxe, Marilar Aleixandre
Poetas e músicos, no Bela Fisterra. Á esquerda da imaxe, Marilar Aleixandre BASILIO BELLO

«Tiñamos claro que había que dar un salto (...) Que dicir dos vínculos con Irlanda, co mundo gaélico? Non se entende a nosa literatura sen ese vínculo. Este paso era importante por todo o que lle debemos ao mundo irmán das nacións celtas», afirmou Modesto Fraga en representación do Comité de Sabios do Bela Fisterra, o equipo encargado da elección destes padriños de Marea Viva. «A poesía de hoxe en Irlanda e en Galicia afunde as súas raíces na tradición oral», vindicou do seu lado Marilar Aleixandre, non sen lembrar aqueles Cantares Gallegos de Rosalía de Castro glosando cantos populares ou os sete nomes das homenaxeadas nas Letras Galegas 2025.

Animouse o propio Bushe cunhas palabras en galego, para logo falar do «sentimento común» das linguas minoritarias ou para declarar a súa admiración pola poesía de quen o precedeu en Marea Viva. A toponimia, a salvaxe fermosura da paisaxe, a natureza como forza transformadora, como refuxio. Todo iso está na poesía de ambos. 

Carlos Núñez, este sábado no Bela Fisterra
Carlos Núñez, este sábado no Bela Fisterra BASILIO BELLO

Calquera decisión que acordes, finis terrae será onde debes comezar unha e outra vez, din algúns dos versos de Bela Fisterra. Que motivos hai para ir ao fin do mundo? Quizais asexar o que queda detrás do sol? Por que subir á torre que defende a Costa da Morte? Canto de marabillado pode quedar un en portos abrigados? De todo iso, da crenza da Pedra de Abalar, ou mesmo dos hórreos cheos de millo, escribiu Bushe. Musicou Núñez algúns dos seus versos: «Un pracer colaborar con todos vós (...) A poesía sempre será fonte de inspiración para a música», afirmou logo de interpretar Alalá do Pindo.