Cinco anos mantendo a liña en Fisterra

Yolanda Castaño

FISTERRA

EN PRIMEIRA PERSOA, YOLANDA CASTAÑO | O Bela Fisterra, primeiro hotel literario, é lugar de descanso para corpo e conciencia

17 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Bela Fisterra non é un hotel, é unha liña. Unha liña de comportamento nun mundo que tende a desatender tantas cousas.

Unha liña directa ao corazón das persoas que somos sensibles á estética, pero tamén á ética. Que queremos descansar dunha vida febril e moitas veces depredadora, pero facelo sen contribuírmos nosoutros a un pouco máis de depredación.

O Bela Fisterra é un hotel que é unha auténtica obra de arte. Unha mostra sublime dunha arquitectura cos pés ben asentados na súa terra: a que evoca ás antigas fábricas de salgadura e conserveiras da zona. Recoñecido pola máis importante plataforma de arquitectura mundial como finalista a mellor hotel, obra dos eminentes Creus e Carrasco, profesionais tan enraizados na Costa da Morte.

Sobre esa gran liña areosa que é a Praia Langosteira, eríxese este hotel que cumpre cinco anos e que está chamado a escribir a súa propia liña sobre o mar. Porque todo neste espazo se dedica ás mellores liñas escritas arredor del na literatura universal de todos os tempos. Verne, Camões, Homero, Hemingway ou Cela protagonizan os cuartos do que é o primeiro hotel literario de Galicia. Mesmo un deles —«Marea Viva»— dinamicamente dedicado cada ano a unha figura contemporánea.

El hotel literario Bela Fisterra
El hotel literario Bela Fisterra PEPE FORMOSO

As liñas dos seus deliciosos textos sobre o mar confúndense así coa liña do horizonte, igual de mariña, que dende el pode contemplarse. Son liñas reproducidas nas paredes a través de deseños orixinais que singularizan cada estancia. É un gozo deitarse a descansar con elas.

E saber que podemos facelo todas: as grandes, as pequenas, as de mobilidade reducida, tamén as nosas mascotas. Esa liña «pet friendly» súmase á multitude de premios internacionais de deseño, recoñecementos ao proxecto que o establecemento significa, e certificacións de calidade.

Porque para moitas o descanso debe selo non só para o noso corpo, tamén un pouco para a nosa conciencia. E así o Bela Fisterra pode demostrarnos en cantísimos aspectos é un modelo sustentable e xusto.

Repecto ao medio

Éo en canto a enerxía. Grazas á súas innovadoras e eficientes xeotermia (tan única en Galicia e tan recoñecida á hora de fornecer das necesidades de auga quente constante con tan baixo consumo e impacto), placas fotovoltaicas, cargadores eléctricos para vehículos, recollida de pluviais, enerxía de baixo consumo, economía circular.

Éo grazas a unha arquitectura responsable, que procura á vez a máxima luminosidade e illamento co menor gasto de enerxía. Éo grazas a unha proposta eco-sostible que trata de minimizar o impacto do crecente turismo na Costa da Morte.

Éo tamén porque en cada xesto ou uso emprega a reciclaxe, o aforro enerxético, o consumo responsable, os produtos ecolóxicos, os biodegradables e continuamente os de km 0. Pero, se se me permite, éo especialmente por contar coa certificación «Fair hotel» que o cualifica como hotel xusto e laboralmente responsable, coidando os empregados e empregadas ?dun sector tan desestabilizado? ao promover o traballo digno e o turismo socialmente responsable.

BELA FISTERRA

Ademais, aliñada con esas ideas, Bela Fisterra establece liña coa cultura da súa contorna entendéndoa coma un factor de cohesión e crecemento social. Por iso acolle mostras artísticas, charlas, presentacións literarias, concertos, pezas escénicas ou actividades enolóxicas, demostrando que non ofrece un mero continente, senón contido ao longo de todo o ano, capaz de se converter en motor dinamizador cultural para o seu territorio.

Por iso o Bela Fisterra non é un hotel senón unha liña. Unha liña de actuación que oxalá sirva máis e máis de modelo de lecer, cultura e paisaxe nunha Galicia que queremos coidar e da que enorgullecernos agora e no futuro. Un xeito sensible, solidario e perdurable de facer as cousas.

Tanto un hotel en primeira liña de praia, coma un proxecto hostaleiro de primeira liña pola súa combinación de deseño, arquitectura, vangarda, literatura, sustentabilidade e profesionalización. Arte, descanso e mar para unha liña perdurable no tempo. E quen non queira ler entre estas liñas de flotación… que non deixe de mergullar entre elas!

DNI

Yolanda Castaño Pereira

Nada en Santiago no 1977, cursou Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e fixo, así mesmo, estudos no eido audiovisual. Ten publicado numerosos libros de poesía e poesía infantil, participou en antoloxías e gañou varios galardóns pola súa actividade literaria, chegando a ser finalista do Premio Nacional de Poesía no ano 2014. Publicou a súa primeira peza, Elevar as pálpebras, cando tiña só 17 anos e tras gañar o Premio Fermín Bouza Brey (1995). É, ademais de poetisa, tradutora, editora, xestora cultural independente, comunicadora e animadora. Ademais, foi a primeira madriña da habitación «Marea viva» do hotel Bela Fisterra cando este abriu as portas, no ano 2018.