Xoel López: «Na Costa da Morte dei os meus primeiros concertos fóra da Coruña»
FISTERRA
A viva voz | O artista coruñés dará mañá á noite en Fisterra un dos últimos concertos da súa xira, na que vén presentando o álbum «Si mi rayo te alcanzara»
09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Tralo paso de Susana Seivane por Cee e Muxía, os concertos do Xacobeo volverán á Costa da Morte da man do coruñés Xoel López (1977), que na noite de mañá estará presentando en Fisterra o seu último traballo discográfico —Si mi rayo te alcanzara— así como os temas máis sinalados da súa xa extensa carreira musical. Non faltará Lodo, a banda sonora elixida polo Xacobeo para a súa campaña turística promocional.
—Que traerá a Fisterra?
—Pois irei con toda a banda e presentarei temas do último disco, pero tamén do resto do repertorio habitual. Estamos facendo os derradeiros concertos, pois remataremos a xira en novembro, e despois pararei durante uns meses. Para min sempre é importante tocar na casa, en Galicia.
—Ten actuado pola Costa da Morte?
—Si, moito, de feito os meus primeiros concertos fóra da cidade da Coruña, con 17 ou 18 anos, foron por aí: Carballo, Laxe, Malpica, Corme e, sobre todo, Ponteceso, en A Eira. A Costa da Morte foi case como unha canteira, aí me curtín e comecei a facer o que agora fago como profesional. Ademais, Fisterra ten para min moito significado: fin do mundo, fin do Camiño e ese faro tan simbólico. Será un concerto moi especial.
—Cantos anos hai dese Xoel?
—Pois 27 ou 28! Gústame pensar que haberá xente da que xa estaba daquela, probablemente agora cos seus fillos, xa noutro plan e con outra idade [ri].
—Como evolucionou?
—Para min sempre foi importante evolucionar, sentir que estaba facendo algo relativamente novo, como un neno xogando. É curioso, en galego ou en español non se di que se «xoga» coa música, pero en inglés [play] ou francés [jouer], si. O que fago agora non pode ser o mesmo que hai 20 anos, porque eu xa non son esa persoa. A evolución para min é algo natural, e agradézoo, porque senón supoño que estaría máis aburrido.
—Non hai lugar para a rutina?
—A rutina non creo que sexa mala en determinados contextos, pero penso que é unha inimiga da arte, polo menos na maneira que eu teño de vivir a música.
—O confinamento colleuno gravando o seu último disco. Hai nel reflexións sobre o covid?
—Eu vivo en reflexión, sobre todo cando escribo, e neste caso coincidiu que a sociedade quizais harmonizou mellor con este tipo de música, coa miña e coa doutros compañeiros que estamos todo o día dándolle ao tarro [ri]. Poderíase pensar que as cancións do disco están feitas nese contexto, pero a verdade é que non, naceron xusto un pouco antes. O que si nos colleu de pleno foi a gravación.
—Falou de que parará uns meses: un lapso para volver crear?
—Teño xa bastante contido, pero a intención é ter máis e poder elixir. Pero, sobre todo, o que preciso é parar. Dende a pandemia tocounos vivir unha situación moi difícil. As cousas cambiaban aleatoriamente, un día ou unha semana antes, había que adaptar o formato a cada concerto, cada comunidade tiña a súa normativa diferente... E as condicións económicas non eran boas. Aínda así, preferín tocar e dar traballo á miña xente. Estar aí, a pesar de que tocar nesas circunstancias, con máscaras e coa xente sentada e separada, era horrible. O que si que notei era que o público se emocionaba igual: necesitábano.
—Dá voz ao Xacobeo. Como foi?
—Sentino como unha sorte, un regalo caído do ceo. Nunca tiven acceso directo ao público masivo, o que fun conseguindo foi a base de pico e pala, e cando recibín a proposta foi como un agasallo. E nun momento especial da miña carreira, con corenta e pico anos e saíndo dunha pandemia. Era unha canción que xa funcionaba moi ben, pero agora, nos concertos, é algo así como o Messi do equipo [ri].
—Fixo o Camiño este Xacobeo?
—A verdade é que non, porque non teño demasiado tempo, pero o que teño claro é que a filosofía do Camiño a levo sempre moi presente. Mesmo cando me fun cara América ía con esa idea: reflexionar, avanzara, coñecer xente... Convido a todo o mundo a que o faga, dende logo.
—Como foi tocar en Riazor, no festival Morriña Fest?
—Diría que foi dos concertos máis especiais que fixen. Estou afeito a ir ao campo ver o Dépor xogar, pero estar aí foi a ostia. Ademais, eu estiven naquel último concerto que houbera en Riazor cando tiña uns quince anos.
—Imaxinaba daquela que un día estaría tocando alí mesmo?
—Para nada! Xa tiña a miña banda e comezaba a tocar, pero alí, vendo a aquelas lendas americanas, nunca o imaxinei. Foi como pechar un círculo.
—Non foi o mellor ano para ser deportivista...
—A min dáme igual que esta en Segunda ou en Primeira RFEF. Vívoo intensamente e creo que o resto da afición tamén: a xente non deixa de velo, de ir ao campo e de levar a camisola. Estaremos aí sempre, aínda que agardamos que sexa en mellores condicións.
—Quizais este sexa o ano...
—Cheira que si...