«Ara do mar», un mundo de poesía para Fisterra

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

BASILIO BELLO

Alexandre Nerium coordinou esta antoloxía de case 230 autores

27 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O poeta Alexandre Nerium, alma e guía do imprescindible Museo da Pesca de Fisterra, ten un aquel de mastro que resiste os embates das dificultades. Coa sinxeleza, o silencio e a grandiosidade que só teñen as cousas do cotiá, dedicou vinte anos ao que para el non vén ser a consecuencia doutra cousa que «quererlle a unha terra». «Canta xente falou de Fisterra e iso que neste caso falamos só de poesía! Iso había que recollelo. Fisterra é un mundo, sublime», describe. Dende finais de agosto andan polas librarías —non moitos, ollo— exemplares de Ara do mar, antoloxía poética de case 230 autores nos que todos os versos teñen unha referencia común: Fisterra. Nerium, que sempre pon por diante o colectivo antes que o persoal, incide en que eses dous decenios de recompilación non foron só cousa del, senón que chegou a ter ata vinte colaboradores remitíndolle cada referencia que vían e mesmo a 19 tradutores, pois todos estes textos figuran no idioma orixinal e tamén trasladados ao galego.

«Foi unha auténtica odisea, anos de traballo que non resultou doado coordinar», incide. Menos aínda publicar («xa complicado é publicar poesía, para canto máis unha antoloxía»), pero aí está, o soño cumprido da man do interese dunha «moi boa» editorial madrileña, Eneida. «É un libro de futuro, hase expandir, pola cantidade de xente que nel hai», reflexiona. Un mundo de versos para unha Fisterra que non é só punto xeográfico, senón tamén concepto espiritual -como o amosan nesta obra os textos dun dos grandes poetas do Brasil, Lêdo Ivo, ou Anne Carsen, recente Premio Princesa de Asturias- e mesmo vida, morte, meta, erotismo...

Entre esas case 230 referencias, a máis antiga do 1.340 con Geoffrey Chaucer no seu The Canterbury Tales, medio cento son creacións inéditas, creadas incluso en resposta ao convite para Ara do mar. Por iso Nerium, que chegou a decaer e pensar que nunca tería a publicación na man, sentía que tiña unha débeda con todos. Aí están Thomas Kinsella, irlandés falecido esta semana, Sylvia Plath, Benedetti, Cela, Rosalía, Murguía, Machado, Alberti... Lamenta que Darío Xohán Cabana falecese sen ter podido acudir á presentación da antoloxía no faro, un traballo no que a xeración máis nova de voces, por certo, son mulleres: «Alédame. Fisterra é feminino».

Nerium segue soñando. Sería bonito, di, chegar a xuntar as fisterras do mundo en música, literatura, arte...